Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23 de xuño

VIÑA

Estado fenolóxico: J - K (73-75 da codificación BBCH)

A climatoloxía cálida e húmida das últimas semanas trae consigo un elevado crecemento da vexetación da viña e do solo pero tamén un maior desenvolvemento da uva, de xeito que xa hai bastantes acios que están a acadar o tamaño chícharo.

Meteoroloxia favorece crecemento acios

Mildio

Ao longo desta semana mantívose a dinámica climatolóxica reinante durante case todo o que vai de mes: temperaturas altas e choivas a diario alternando con momentos de sol intenso, aínda que as temperaturas mínimas baixaron algo fronte ás rexistradas nas semanas anteriores, que maioritariamente se situaban na contorna dos 16-18 ºC. Coas condicións húmidas e as temperaturas nocturnas que se tiveron, durante case todos os días do mes se viñeron cumprindo as condicións de infección polo patóxeno.

Por outra banda, ás veces os tratamentos foron feitos coa viña aínda sen secar, ou choveu ao pouco de rematar a aplicación, e en todo caso tras cada choiva se reduciu o período de cobertura teórica dos funxicidas.

Resumo datos 1-21 xuño 2022 (Fonte: MeteoGalicia)
Estación Pp (mm) Días de choiva Tª mín >13ºC (días)
Areas 87,4 13 18
As Eiras 48 11 19
Cequeliños 40,2 10 16
Meder 55,8 13 16
Lourizán 79,9 12 17
Barrantes 56,7 12 14
Torrequintáns 54,3 10 17
Tremoedo 56,8 12 16
Soutomaior 69,4 11 17

Tamén esta meteoroloxía provocou un elevado desenvolvemento da vexetación e con isto unha menor aireación dos acios e a dificultade de acceso dos produtos a todos os órganos a protexer.

Con este desenvolvemento vexetacion acios desprotexidos con penetrantes

Do mesmo xeito que referimos na información fitosanitaria anterior, ao longo desta semana tamén recibimos chamadas de diferentes persoas (técnicas e viticultoras) que nos informaron de ataques de mildio malia estar a dar tratamentos con intervalos menores dos aconsellados e mesmo en variedades pouco sensibles. Todo isto puidémolo comprobar na revisión realizada onte mércores a diferentes viñas, cando en xeral atopamos as seguintes situacións:

Nalgunhas viñas ausencia mildio

- Algunhas viñas (as menos) onde non atopamos mildio algún.                                                                                                                                       

Nalgunhas viñas ausencia mildio

- Outras onde unicamente atopamos algún que outro acio disperso con síntomas do patóxeno, e cunha superficie de acio afectada menor do 1% .

Acios en guisante xa con mildio larvado

- Outras, quizais a situación maioritaria, con entre o 5 e o 15% de acios afectados segundo as viñas, con máis grans afectados e mesmo xa na forma de mildio larvado.

Acio albariño moi afectados mildio viña en ecoloxico

- O menor número relativo de viñas cunha elevadísima porcentaxe de acios sintomáticos afectando ademais a case todas as uvas.

No momento da redacción deste boletín, parte das predicións meteorolóxicas consultadas continúan a dar choivas en forma de chuvascos para os vindeiros días, aínda que algúns modelos prevén unha melloría entre a fin de semana e martes para despois volver aos chuvascos; outra parte das predicións si anuncian a estabilización do tempo para a semana próxima. De cumprise o primeiro prognóstico, seguiremos nunha situación de risco moi alto, e neste sentido a nosa recomendación é seguir vixiando intensamente as viñas e, de ser preciso porque continúe avanzando a enfermidade, aplicar un novo tratamento cando as plantas estean secas, non haxa risco de choiva na hora seguinte a rematar e tampouco vento que arrastre o produto fóra da área a protexer. En calquera caso, e debido a que hai persoas que están aplicando funxicidas cada 5-7 días e con maior dose da recomendada na etiqueta (práctica totalmente inadmisible), cobra máis importancia aínda alternar produtos cuxas materias activas teñan diferentes modos de acción para minimizar as resistencias.

Oídio

Se no boletín anterior anunciabamos a aparición dos primeiros síntomas do patóxeno en folla de albariño, esta semana non observamos ningún síntoma máis que nas plantas abandonadas ás que nos referiramos daquela, porque debido á sombra duns muros e á elevadísima densidade de vexetación, os acios non foron acadados polas precipitacións de carácter forte que se deron nalgunhas xornadas. Con todo, se para a semana suben as temperaturas e os chuvascos non son fortes ou desaparecen, o risco será maior, e por iso cando realicen as intervencións antimildio deben aplicar tamén un funxicida antioídio preferiblemente da mesma casa comercial para evitar posibles incompatibilidades e/ou menor eficacia dos produtos.

Excesivo desenvolvemento impide chegada luz aciosAspecto de acios variedade tinta oidio

Black rot

Nesta semana temos que falar dun gran avance na presenza de síntomas nalgunhas viñas do Condado, tanto nas plantas abandonadas coma nalgunhas tratadas próximas a aquelas outras. O avance produciuse na folla pero especialmente nos acios, que están dentro do período crítico. De persistir as condicións tan húmidas, a enfermidade poderá causar perdas de colleita e por iso é importante empregar sempre funxicidas antimildio e/ou antioídio que tamén estean rexistrados para usar contra esta enfermidade, alternando tamén modos de acción dos produtos.

Outras incidencias

Nunha das trampas que temos na zona do Condado tivemos un elevado número de capturas de machos de Lobesia botrana, pero de momento non vimos ningunha posta (lóxico co tempo que temos). Tamén continúan avanzando os síntomas de erinose de verán, que non require tratamento.

Grande número capturas segundo voo Lobesia20220615_Empeza erinose de veran

SALGUEIRO

Escaravellos crisomélidos

No boletín fitosanitario publicado o 3 de xuño diciamos que en diferentes árbores de ribeira dalgunhas zonas comezaban a ser notorios os síntomas da alimentación destes insectos. Tamén en diferentes novas dalgunhas redes se falaba "do secado" este ano do salgueiro común Salix atrocinerea. Pois ben, ao dirixirnos esta semana ás viñas do Rosal vimos un río onde se daba esta circunstancia, e confirmamos que, polo menos nese caso concreto "aquel secado" se debía a estes insectos, que nesta época están nunha etapa de proliferación ben notoria.

Aspecto seco de salgueiros beira rioCertamente o aspecto dos salgueiros é de secaAdulto crisomélido en follas terminais salgueiroDetalle alimentación insectos en salgueiros