Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

Esta información fitosanitaria será a derradeira que emitimos de xeito semanal debido a que se espera iniciar a vendima, en principio, a semana do 6 ou do 13 de setembro. Con todo, lembren que seguiremos publicando, xa sen unha periodicidade definida, informacións fitosanitarias e consellos prácticos que poidan axudar a mellorar o estado sanitario dos cultivos

Agradecemos sinceramente a súa colaboración ás persoas propietarias das parcelas da nosa rede de seguimento que tantos anos nos permiten aplicar as estratexias de tratamentos nas súas viñas,así como a calquera outra que periodicamente nos vai informando das súas observacións. E tamén moitas grazas a quen nos seguiu todas as semanas

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 - (N) [85-(89) da codificación BBCH]

A semana pasada e máis esta fixemos unha recollida de uvas nalgunhas das nosas parcelas de seguimento habitual para comprobar o grao alcohólico en albariño. Na seguinte táboa amosamos os valores obtidos, que simplemente han de servir a modo de referencia para aquelas persoas que non o teñen mirado aínda:

Comarca Zona 15-ago 22-ago

Condado
Corzáns 9,53 9,92
Meder 9,79 10,25

Rosal
Goián 9,06 9,39
Eiras 8,21 9,33

Salnés
Ribadumia 9,66 10,06
Modia 9,46 9,73

 

Mildio

A estas alturas da campaña, cando as temperaturas nocturnas aínda son relativamente elevadas e xa son habituais os orballos que manteñen a vexetación húmida durante horas (amais das néboas que se rexistran desde hai dous ou tres días segundo as zonas), a situación observada na revisión desta semana foi a mesma da anterior: síntomas novos con frutificación nos gromos (sobre todo nas viñas que non se tratan desde hai tempo), nas plantas testemuña e nas abandonadas. Tamén nalgunhas parras se incrementou a defoliación nas partes ás que non chegaron os tratamentos debido á excesiva frondosidade das plantas.

20210825_Gromo viña moito tempo sen tratarManchas novas mildio en follas viña abandonadaNalgunha viña a defoliacion e importante

Aínda que moitas previsións meteorolóxicas anuncian unha elevada probabilidade de choiva para finais da semana próxima, a contía que prognostican a día de hoxe é reducida e por iso non debería de haber consecuencias negativas derivadas das novas contaminacións que poidan producirse, polo que poden aproveitarse estes días para facer unha limpeza dos acios máis danados co fin de gañar tempo para a vendima e de evitar a posible instalación de botrite.

Nas viñas mais atacadas de antes e conveniente eliminar partes mortas

En calquera caso, como xa dixemos noutras ocasións, nos predios con elevada presenza de manchas será conveniente aplicar un tratamento  cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.

Oídio

En xeral, e malia climatoloxía favorable ao fungo, nesta semana non apreciamos variacións destacables na sintomatoloxía fronte ao observado na revisión anterior, nin sequera nunha viña cunhas plantas moi atacadas que miraramos as semanas anteriores. Ao igual que indicamos no mildio, naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención post-vendima antes da caída de follas.

Novos síntomas de oídio en gromos terminais

Botrite

Debido á practica ausencia de choivas (as previstas para a fin de semana pasada foron locais e reducidas) e a que non houbo un exceso de horas de humidade foliar, apenas observamos un par de grans con presenza deste fungo no conxunto das viñas que visitamos, e ambos estaban asociados a unha perforación de Lobesia. Tamén os acios das variedades máis sensibles, e incluso os que teñen feridas ou restos dos ataques da avespa asiática ou de paxaros, aparecen sas. Con todo, sabemos que este fungo pode afectar aos acios ata o momento mesmo da vendima, polo que hai que continuar a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas si de aquí á recollida da uva hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno.

Restos ataque avespa asiatica non botritBuraco eiruga Lobesia (frecha azul) e micelio botrite en perforacion anterior (frecha laranxa)

No caso de que se dea esta última situación e de que fora preciso tratar (consulten antes cos seus técnicos), no Rexistro de Fitosanitarios do Ministerio hai, para Botrytis cinerea, tres materias activas naturais que, ou ben non teñen prazo de seguridade [Bacillus subtilis (cepa QST 713) 1,34% e Pythium oligandrum (cepa M1) 17,5%] ou ben este é só dun día [Saccharomyces cerevisiae (cepa LAS02) 96,1%]

Avelaíñas do acio

A pesar das escasas capturas de machos de Lobesia botrana que tivemos en toda a campaña nas nosas trampas, en tres das nosas parcelas de seguimento verificouse que o pico de voo correspondeu á semana anterior, ao descender as capturas nesta semana. En canto ás postas e/ou penetracións, soamente vimos unha presenza moi escasa, testemuñal.

Excrementos e cambio cor uvas por LobesiaSintomas perforacion Lobesia afectando a tres grans

Cicadelidos

Despois de realizar a intervención recomendada hai dúas semanas na viña onde detectamos os Scaphoideus titanus, na revisión do pasado día 24 puidemos comprobar que non se recollera ningún adulto máis nas trampas. Canto aos outros cicadelidos, nalgún predio (sobre todo coincidiunos na comarca de O Rosal) puidemos observar certo incremento nas capturas e tamén no número de ninfas que contamos nas follas, pero sen maiores consecuencias. Deben lembrar que moita da sintomatoloxía que se asocia aos cicadelidos non é específica do insecto senón que pode deberse a causas abióticas, frecuentes nestas alturas da campaña.

Nunha viña do Rosal mais cicadelidos en trampaSintomatoloxia inespecifica (sequia, calor, madeira, Empoasca)

 

Outras incidencias nas viñas

Amais da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico e de enfermidades de madeira, esta semana observamos unha viña que tiña un forte ataque de trips nos gromos terminais.

Algunhas viñas nesta epoca indicios estres hídricoGromo con forte ataque de trips

MACEIRA

Avelaíña da mazá

Nesta semana na nosa trampa de Areeiro xa só recollemos 5 machos. Non esquezan que xa é momento de instalar as bandas-trampa de cartón nas maceiras para capturar as  eirugas cando vaian a  invernar e que deben ser eliminadas e destruídas xa en outono-inverno.

BUXO

Cydalima perspectalis

Fronte á semana anterior, nunha sebe vimos dúas eirugas que aínda non crisalidaran e, na mesma sebe, ovos nunha folla e un par de pequenas larviñas, aínda que a situación máis común segue a ser, polo menos segundo observamos, a brotación. Tentaremos alertarlles cando notemos unha elevada incidencia da praga, pero como sabemos que pode haber diferentes situacións, é conveniente que continúen a vixilancia das plantas.

Eiruga desenvolvida e mais pequena en folla superiorPlacas de ovos Cydalima