You must configure the portlet before you can use

AVISO FITOSANITARIO 13 AGOSTO 2020

Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 (83-85 da codificación BBCH)

Na revisión ás viñas desta semana volvemos coller mostra de uva nos mesmos predios da revisión anterior para facer estimacións da evolución da maduración, obtendo os seguintes resultados:

  • Parcela Condado: na mostra recollida esta semana,  9.99º (a da semana anterior dera 7,76º).
  • Parcela Rosal: na mostra desta semana, 8.01º (a da semana anterior dera 7.30º).
  • Parcela Salnés: na mostra desta semana, 8.73º (a da semana anterior dera 6.47º).
  • Parcela Areeiro: na mostra desta semana, 7.95º (a da semana anterior dera 6.02º).

O cambio producido nas condicións climatolóxicas aínda pode xerar algún problema nos acios. Os viticultores vinculados á maioría das grandes adegas xa están fóra do período no que poden facer intervencións químicas, pero para aqueles que non o están lembramos que se hai que dar un último tratamento deben elixirse sustancias o máis naturais posible por carecer de prazo de seguridade (ou ser este moi curto) e, naquelas zonas/variedades máis tardías, produtos co prazo de seguridade máis reducido ca data estimada de vendima.

Mildio

Xa desde finais da semana anterior ou comezo desta a climatoloxía mudou de xeito significativo, ao diminuír as temperaturas máximas que se viñan rexistrando (non así as mínimas, que mesmo subiron) e incrementarse a humidade polas néboas que houbo entre a fin de semana e o luns (máis persistentes canto máis próximos á costa), e sobre todo polas precipitacións de onte día 12 que se estenderon por toda a provincia despois de case dous meses sen producirse. Precisamente o mércores 12 foi cando fixemos a nosa visita ás viñas e xa notamos un cambio no seu estado que sen dúbida será maior na revisión da próxima semana. Nesta ocasión vimos, na meirande parte das viñas, manchas nalgúns dos novos crecementos e tamén zonas de avance  en manchas antigas en número maior cas observadas a semana anterior (cando só fora nalgúns predios). Ben é certo que estes días houbo humidade foliar durante varias horas desde a noite do 8 en practicamente todas as zonas, e tamén temperaturas altas, polo que ata certo punto era esperable, aínda que pensamos, como vimos de dicir, que será maior para a semana próxima.

Aumento humidade relativa novas manchas follas novas20200812_Algunhas manchas novas apenas saindo20200812_Algunhas manchas ben frutificadas

Con todo, en xeral consideramos que a aparición destes síntomas non fará perigar a adecuada  maduración da uva porque tras este período sen choivas hai vexetación sa en abundancia (mesmo nas plantas testemuña, onde tamén empezaron a aparecer manchas), pero dependerá tamén de como evolucione a climatoloxía. Neste senso, a día de hoxe a maioría das previsións meteorolóxicas indican que haberá ventos húmidos do SO, e choivas –non moi abundantes- varias xornadas. Por este motivo haberá que seguir mantendo a vixilancia.

20200729_Gromos plantas testemuña continuan sen manchas20200812_Gromos testemuña sas desde xullo pero agora manchas

Ademais de eliminar os brotes afectados nas viñas de reducidas dimensións, no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio hai produtos autorizados cun prazo de seguridade de 1 e de 14 e 15 días que aínda se poderían aplicar naqueles predios nos que aínda quede un período maior para a vendima

Oídio

Quedan restos de oídio nas viñas que xa tiñan presenza da enfermidade, onde tamén xa hai varios grans rachados, que é probable que se incrementen a raíz das choivas de onte e das que veñan.

20200812_Rachos oidio en acio tinta sensible20200812_Rachos por oidio en acios predio afectado

Tamén na revisión desta semana vimos maior abundancia de rebuscos afectados e trazas de oídio en follas, tanto en plantas sometidas a tratamento coma nas testemuñas. De feito, algúns modelos climáticos seguen a indicar risco elevado de infección a día de hoxe.

20200812_Mais oidio rebuscos20200812_Varios predios con oidio en folla20200812_Sintomas oidio planta testemuña

Debido a que o fungo xa non pode infectar aos acios na fase na que están, de aquí á vendima non se precisará ningunha intervención máis. Non obstante, é recomendable eliminar os acios máis afectados para impedir que a podre se instale sobre eles de empezar a rexistrarse períodos de precipitacións como anuncian a práctica totalidade de axencias meteorolóxicas.
 

Black-rot

Aínda que hai modelos matemáticos de predición que volven anunciar certo risco sobre a base dos datos meteorolóxicos, xa non hai risco de danos aos acios.

20200623_Sintomas black rot viña abandonadaPicnidios black rot visibles como puntiños negrosVista parcial acio síntomas mais iniciais black rot

Botrite e outras podres da uva

Estas son as patoloxías ás que máis atención debemos prestar a partir de agora porque se ven favorecidas polo incremento de azucres na uva e pola humidade relativa alta e as choivas. Por iso hai que vixiar moi ben os acios con feridas e/ou de variedades sensibles, que ata este momento estiveron libres das infeccións pola seca que tivemos.

Uncinula necator - Uvas agretadas en plantas control 20200812_Acio treixadura en perfecto estado20200812_Acios loureira bo estado

De feito, xa na revisión desta semana atopamos puntualmente grans con micelio de botrite nalgúns predios.

Trazas de botrite en acio albariño20200812_Botrite en variedade alemá temperá

De cumprirse as previsións de que pode chover polo menos algúns dos próximos días é de supoñer que será máis frecuente atopar acios afectados nas viñas máis sensibles, co que será preciso manter un elevado nivel de alerta e mesmo pode ser necesario aplicar un tratamento. Dependerá do momento da vendima o funxicida a utilizar nestes casos, xa que no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio existen  produtos con prazos de seguridade de 1 e 3 días que son produtos de orixe natural, ou tamén de 14 días (nas adegas que limitasen a data de último tratamento, consulte aos técnicos a necesidade dalgún tratamento potencial no caso de que teñan feridas nos grans).

Tamén restos secos de mildio poden atraer podresGolpe de sol en acio albariño expostoFendedura fisiolóxica en albariño

Avelaíñas do acio

Nesta semana non topamos postas e apenas tamén perforacións larvarias. Tampouco tivemos case capturas de adultos nas trampas. Como dixemos a semana anterior, non son de esperar danos directos polas avelaíñas ata a vendima, aínda que hai que vixiar os indirectos (botrite).

20200804_Ovo de Lobesia20200804_Sintomas de Lobesia en acio albariño20200812_Perforacion con podre en variedade tinta

Cicadelidos

Esta semana recollemos o primeiro adulto de Scaphoideus  titanus da campaña, nun predio do Rosal. Polo demais, novamente temos que falar de reducido número de capturas de adultos doutros cicadelidos nas trampas (aínda que nunha das viñas da nosa rede si se incrementaron) e tamén de moi baixo número de ninfas nos recontos ás follas.

20200812_Primeira femia Scaphoideus titanus campaña20200812_En xeral moi poucos cicadelidos

Trips

Seguimos a observar síntomas de trips nalgunhas viñas da comarca do Salnés, pero o número de gromos afectados e a presenza de individuos neles, polo menos nos predios que visitamos, non xustifican un tratamento. Ademais, co cambio na climatoloxía é de supoñer que as poboacións e os síntomas se reducirán.

20200804_Sintomas de trips en gromo de albariño  Adulto trips en viña 40x

Ácaros

Volvemos atopar novos síntomas de acariose, confirmados no laboratorio, no Condado, pero neste caso nun predio abandonado. Tamén de erinose estival vemos cada vez máis síntomas nos gromos, que nalgún predio chegan mesmo a deformar completamente as follas tenras.

20200812_Sintoma compatible acariose precisa confirmacion laboratorio20200812_Nalguns gromos erinose deforma tamen follasCalepitrimerus vitis_80x

HORTÍCOLAS

Varias pragas

Como dicimos todos os anos, diferentes pragas empregan o abrigo que lle proporcionan os restos vexetais das plantas das que se recollen os froitos (pataca, tomateira, etc.) para pasar o inverno e así poder afectar aos cultivos cando se repoñan. Co fin de  limitar o risco, é necesario abandonar a práctica habitual de deixar os restos a carón do invernadoiro ou horta e eliminalos.

Restos do cultivo de patacaRestos de cultivo de tomateira que deben eliminarse para reducir a invernación de Tuta absoluta

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Novamente non capturamos adulto algún nas trampas, pero nesta semana vimos un saír voando dunha planta  e ademais, na revisión da sebe á que fixeramos referencia a semana anterior (unha de Areeiro) atopamos máis eirugas  L1 e L2, e mesmo vimos unha case en L3. Incrementar a vixilancia, porque de momento non observamos síntomas novos pero sen dúbida irán aparecendo.

20200812_Eiruga L1 Cydalima20200812_Algunha eiruga Cydalima case L2Nalgunha sebe hai eirugas mais desenvolvidas