Advanced-Content-List

Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 XUL 2020

Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso.

VIÑA

Estado fenolóxico: L (77-79 da codificación BBCH)

Mildio

Do mesmo xeito que dixemos a semana anterior, o tempo estable, solleiro e con ventos do N-NE moderados con rachas fortes que se rexistraron estes días non foron favorables ao fungo. Así, non observamos novos síntomas nas plantas tratadas, mesmo naquelas parcelas da nosa rede que o próximo día 18 cumprirán o mes sen recibir funxicida algún e das que algunha ten gromos acadando o solo. Tampouco nas outras viñas nas que nos imos detendo no noso percorrido atopamos máis que manchas vellas sen frutificar, e ningunha nos crecementos sen protexer.

20200714_Gromo planta tratada no solo sen mildioManchas antigas ben controladas
 

É máis, na revisión desta semana apenas había síntomas nas plantas testemuña que non tratamos en toda a campaña ou nas abandonadas que controlamos habitualmente. Só nalgunha das primeiras atopamos algunha mancha en folla tenra pero sen frutificación e tamén acios aínda con esporulación aparentemente viable.

20200714_Tampouco en viñas abandonadas mildio20200714_Folla planta testemuña mildiu_1 Face20200714_Folla planta testemuña mildiu_2 Enves sen frutificacion20200714_Acio planta testemuña

 

Sen embargo, a situación pode cambiar de cumprirse as previsións dalgunhas axencias meteorolóxicas, que aluden a unha perda da influencia anticiclónica e a aumento da probabilidade de precipitacións, que poden producirse desde martes ou mércores. De momento este cambio non o anuncian en absoluto todas as previsións consultadas, porque de feito outras manteñen que seguirá o tempo seco. Por este motivo, haberá que estar pendentes da climatoloxía, de xeito que:

- de advertirse que se poida producir ese cambio será conveniente tratar antes das precipitacións, en especial aquelas viñas fóra do período de protección teórico da aplicación anterior, que a priori deberían de ser a maioría;

- de manterse o tempo seco simplemente haberá que seguir vixiando e non descoidar as prácticas culturais que permitan alixeirar a vexetación e favorecer a aireación a nivel da viña.

Oídio

En máis dunha ocasión temos referido a dificultade de frear a este patóxeno se non é obxecto dun control adecuado. Pois ben, na revisión desta semana observamos dúas viñas de albariño que xa presentaban rachos na pel dos grans ademais do escurecemento normal derivado da enfermidade. Tamén observamos novos síntomas nas plantas testemuña.

20200714_Micelio oídio en follas planta testemuña20200714_Micelio oídio en gran20200714_Acio afectado oídio e infección iniciándose no cercano

As condicións destes días están a ser relativamente favorables á enfermidade, aínda que os rexistros tan elevados das horas centrais do día, ben superiores aos 30 ºC, non o son tanto. A curto prazo, anúnciase que persistirán estas temperaturas moi elevadas, pero para a semana que entra coinciden as diferentes previsións en que serán algo máis baixas e que se manterán na contorna dos 25-29 ºC, é dicir, óptimas para o fungo o que, unido ao incremento da humidade relativa do aire que sen dúbida acompañará ao descenso térmico, xerará maior risco. Por esta razón, e aínda que o nivel de risco por fenoloxía xa non é tan elevado coma ata agora, non se debe descoidar a vixilancia, en especial nas viñas que xa teñan presenza do fungo.

Black-rot

A presenza de órganos afectados por este fungo segue a ser similar á das semanas anteriores, pero tampouco as condicións destes días lle resultan favorables.

20200623_Sintomas black rot viña abandonadaPicnidios black rot visibles como puntiños negrosVista parcial acio síntomas mais iniciais black rot

Botrite

Tampouco o tempo solleiro e os ventos secos do N ou NE favorecen a este patóxeno. Porén, nas viñas onde hai incidencia da enfermidade de xeito repetido todos os anos, antes de que todos os grans estean en contacto pode aplicarse un tratamento preventivo se finalmente veñen as choivas que anuncian algunhas axencias meteorolóxicas, en especial se hai danos por oídio ou feridas por calquera outra causa.

A variedade Treixadura é moi sensible á podre polas características dos seus aciosEste rachado fisiolóxico é unha ferida pola que pode entrar botrite

Avelaíñas do acio

Na revisión desta semana observamos, en case todas as viñas, algún acio moi espallado con ovos ou perforacións larvarias. Tamén recollemos catro machos de Lobesia botrana na trampa dunha das parcelas, pero ningún nas outras. As potenciais intervencións fronte a esta praga lembren que deben realizarse razoadamente para evitar a eliminación dos inimigos naturais desta e doutras pragas e para aplicar cada insecticida no momento oportuno, e atopar algún que outro acio afectado non xustifica o tratamento.

20200714_Posta de Lobesia20200714_Perforacions eiruga Lobesia

Cicadelidos

A semana anterior colocamos novas trampas en todas as parcelas da nosa rede para facilitar o reconto dos individuos capturados. Pois ben, en todas as viñas apenas recollemos adultos, un máximo de 10, o que dista moito dos limiares de intervención. Tamén nas observacións directas ás follas os resultados foron moi baixos, polo que, como xa dixemos na semana anterior, os síntomas que algúns viticultores atribúen a estes chupadores (estamos a recibir numerosas consultas sobre o tema) non o son. 

20200714_Apenas cicadelidos capturados nunha semana20200714_Ninfa Empoasca 10x

Ácaros

Unha vez máis, so temos que falar de síntomas máis evidentes, que mesmo chegan a observarse na face, de erinose de verán nas follas tenras de plantas onde xa se observaran estes ácaros noutros momentos da campaña. Lembren que non é preciso tratar salvo en casos moi excepcionais que poidan producirse en planta moi nova. 

20200714_Nalgunhas viñas bastante erinose de veran20200714_Nalgunhas viñas bastante erinose de veran_2

Outras incidencias

Xa empezaramos a notalo a semana anterior, pero nesta revisión observamos máis viñas (neste caso do Salnés) con síntomas compatibles cos ataques de trips, e do mesmo nos informaron outros técnicos. No laboratorio confirmamos que efectivamente había ninfas e algún adulto destes insectos. Simplemente informamos desta situación para que estean alerta, porque en absoluto se observa na totalidade de viñedos. 

20200714_Sintoma compatible con trips

Por outra banda, e como xa vimos informando anteriormente, os síntomas de golpe de sol e de estrés hídrico son cada vez máis frecuentes, pero tamén é certo que nalgunhas viñas aínda se poden observar caracois nas follas e tamén nos acios.

20200708_Golpes sol cada vez mais frecuentes ata en parra Fisiopatia_estres hidrico_3 0200714_Nalgunha viña ainda quedan caracois

MACEIRA

Pulgón laníxero

Lembramos que antes de decidir realizar un tratamento fronte a este pulgón débese comprobar se hai formas parasitadas, xa que a temperatura destes días beneficia ao parasitoide Aphelinus mali.

Pulgón lanixero con individuos parasitados e nonPulgon lanixero parasitado e adulto parasito

CÍTRICOS

Psila africana

Mentres haxa gromos tenros nos cítricos seguirán a aparecer novas colonias, e estamos nunha época na que a maioría das árbores están a producilos. De feito, na maioría das plantas observamos poboacións bastante elevadas das diferentes formas de desenvolvemento do insecto. Lembramos entón, unha vez máis, que se pode aplicar un dos insecticidas autorizados para o control dos psílidos nestas especies (aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5%) pero tamén reducir as poboacións eliminando os gromos e/ou instalando trampas engomadas amarelas a carón das árbores.

20200714_Ovos, ninfas, adultos TriozaInimigo natural -antocorido- en colonia Trioza

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Quedan algunhas eirugas alimentándose nas sebes de todas as comarcas (aínda que tamén hai xa crisálides), polo que debe continuar a vixilancia das plantas. Tanto é así, que estamos a recibir chamadas de particulares informándonos de sebes onde se aplicou hai pouco un tratamento e onde seguen a observarse eirugas vivas. Lembren que os tratamentos que se apliquen deben ser coidadosos e mollando ben as plantas.

20200714_Eiruga de CydalimaEiruga de último estado de Cydalima alimentándoseCrisalida de C. perspectalis