Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

AVISO FITOSANITARIO 28/05/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: I (65 a 69) - J (71)

As elevadas temperaturas que se rexistran desde a fin de semana, non só as diúrnas senón tamén as nocturnas, favoreceron un marcado avance na fenoloxía das plantas de xeito que, se a semana pasada aínda estaba a floración nos seus comezos, nesta xa hai mesmo unha boa porcentaxe de acios no estado de callado máis ou menos avanzado. Dáse a circunstancia de que a mesma situación ocorreu nas mesmas datas do ano anterior.

Mildio

Inmediatamente despois da publicación do aviso anterior houbo unhas condicións moi favorables ás infeccións secundarias de mildio derivadas da precipitación e da humidade relativa elevada rexistradas o pasado venres, e por iso moitos viticultores renovaron o tratamento na fin de semana. Desde ese momento, malia a que en xeral o tempo estivo seco, cos ventos do norte ou nordés que se anunciaban, e nos últimos dous días con temperaturas superiores a 30ºC durante 2-3 a 6-7 horas (estas últimas poden inhibir o poder xerminativo dos esporanxios), todas as noites seguiu habendo condicións para a frutificación do fungo en todas as zonas salvo as noites de martes, mércores ou mesmo esta última na maioría de localizacións, cando a humidade relativa sufriu un descenso e non se rexistrou máis que moi puntualmente, humidade foliar.

Deste xeito, a presión da enfermidade continúa a ser elevada polas condicións favorables que se levan producindo de xeito recorrente no que vai de campaña. Por iso seguimos a revisar máis viñas das propias das nosas de seguimento, e tamén nos detemos a observar máis plantas abandonadas, sobre as que puidemos comprobar na revisión desta semana que continuaban a aparecer manchas de mildio, de grande superficie e/ou moi abundantes, en follas máis ou menos tenras independentemente da sensibilidade varietal.

No caso das viñas tratadas, moitas das cales descoñecemos cando recibiron a última aplicación, observamos unha diversidade de situacións, como ven sendo habitual nesta campaña (aínda que en todas hai mildio): parcelas con infeccións aparentemente controladas, viñas con manchas novas e antigas con frutificación activa e con acios tamén con frutificación, e viñas sen máis que algún dano puntual anterior nos acios pero con maior ou menor cantidade de manchas novas, situación que podemos dicir que foi a máis frecuente.

Supoñemos que a grande maioría dos viñedos están protexidos neste momento por algún tratamento, pero debido á presenza xeral de mildio tamén estes deben ser revisados coidadosamente para comprobar a evolución da enfermidade despois destes dous últimos días secos que, segundo as previsións, poderán estenderse ata domingo ou luns-martes, cando parece que haberá un incremento das probabilidades de choiva pola perda da influencia anticiclónica sobre Galicia. De cumprirse as previsións haberá que estar moi alerta pensando en que será probable que haxa que renovar unha vez máis as aplicacións se finalmente non se observan indicios de bo control da enfermidade polo binomio "funxicida aplicado-climatoloxía seca". Nestes casos haberá que intervir aínda acortando o período de protección teórico do produto, posto que estamos nun momento de elevada sensibilidade dos acios aos ataques do patóxeno.

Coas condicións tan húmidas deste ano xa hai moitas viñas cun exceso de masa foliar que dificultan a correcta penetración dos produtos no interior porque, aínda que se estean aplicando produtos sistémicos ou penetrantes, as aplicacións deben ser de calidade. Por este motivo, nas viñas coa floración xa concluída que presenten esta situación, ademais das rozas da vexetación do solo poden iniciar xa as esfollas e as podas verde para axudar ao control dos patóxenos. Iso si, estas operacións TEÑEN QUE SER LIXEIRAS para non prexudicar o desenvolvemento dos acios.

Oídio

As temperaturas destes últimos días son moi favorables ás infeccións, pois o seu óptimo está entre 25 e 28ºC. Así, e tamén debido a que por fenoloxía a viña está nun período de máxima sensibilidade, o risco é alto. Por este motivo, e aínda que nas revisións que fixemos nesta semana non atopamos novos síntomas máis que nas plantas testemuña, non hai que descoidar a vixilancia, sobre todo se consideramos que a perda da influencia do anticiclón que se anuncia, dará lugar a unha maior humidade e polo tanto a condicións aínda máis favorables. Consecuentemente, será aconsellable engadir un antioídio aos potenciais tratamentos que se planifiquen nas viñas, sobre todo nas máis sensibles, e mesmo intervir especificamente se continúan aparecendo síntomas.

Black-rot

Malia a ter existido certas condicións favorables, non observamos cambios no estado das viñas na revisión desta semana, tampouco nas abandonadas das estremas de predios cultivados ou nos bordos de camiños. Aínda así, lembren que os síntomas poden manifestarse ata tres semanas despois de ter lugar a infección, polo que aínda hai posibilidades de que aparezan os correspondentes ao tempo húmido das semanas anteriores. Por este motivo, nas viñas con síntomas ou con plantas afectadas nas proximidades, no caso de realizar unha intervención fronte a mildio ou oídio utilicen un produto que tamén teña efectos fronte a esta patoloxía, máis considerando que o acio está nun momento moi sensible.

Botrite

Ao dominar, quitando o pasado venres día 22, as condicións de tempo sen humidade excesiva e/ou precipitacións, a floración está a transcorrer limpamente, e os restos das flores estanse desprendendo axeitadamente (sería sobre eles onde nestes momentos podería instalarse o fungo de haber humidade). Porén, haberá que estar á espera da intensidade do cambio que se anuncia, a día de hoxe, para os comezos da semana próxima, pois aínda hai flores que están abrindo. A atención deberá ser maior nas viñas con glomérulos ou niños de avelaíña, pois estes poden dificultar que se liberen os restos.

Avelaíñas do acio

Malia ter baixado as capturas de machos de Lobesia botrana en todas as trampas que temos instaladas, o número de glomérulos incrementouse nas viñas onde os detectaramos e tamén apareceron nas demais. Non obstante, a súa presenza non é significativa en absoluto.

Outras pragas de artrópodos

Nesta semana non hai ningunha incidencia destacable a nivel doutras pragas.

MACEIRA

Moteado

A excepción do pasado venres, os períodos de humidade elevada non tiveron unha duración elevada estes días, polo que o risco en relación a esta enfermidade foi só moderado e así, só nas plantas sen tratamentos que controlamos puidemos ver novos síntomas na revisión desta semana (lembren que non temos variedades especialmente sensibles). A evolución futura da enfermidade estará moi condicionada por como se produza finalmente o cambio anunciado na meteoroloxía. Manter a vixilancia.

Avelaíña da mazá

Nesta semana, e malia non ter intervido fronte a praga, non recollemos ningún adulto nas trampas. Tampouco as temperaturas tan elevadas destes dous últimos días foron favorables á actividade dos adultos. En todo caso lembren que se non dispón de trampas o único xeito de manter medianamente controlada a praga é garantindo unha protección case sistemática das plantas.

CÍTRICOS

Trioza erytreae (psila africana)

Como vimos insistindo desde hai dúas semanas, sobre os gromos novos destas especies están a aparecer os típicos vultos na face da folla causados polas ninfas desta praga. Ademais, estamos a recoller unha grande cantidade de adultos nas trampas amarelas que temos instaladas preto dalgunhas árbores. Lembren que se os pés son grandes e están frondosos a eliminación e destrución dos gromos é unha medida que axuda a manter a praga en niveis aceptables e que tamén serve de control do excesivo desenvolvemento das árbores.

DIVERSOS CULTIVOS

Insectos chupadores

Como era de esperar, o bo tempo favoreceu o aumento das colonias destes insectos nos brotes tenros. A retirada das colonias cando aínda son incipientes ou a propia eliminación dos brotes afectados contribúe a limitar os danos que poidan ocasionar.

Oídio

O tempo que temos nesta semana é favorable á aparición do oídio en diferentes cultivos sensibles.

DIVERSAS FRONDOSAS DE RIBEIRA

Crisomélidos

Como é habitual nestas épocas, nas beiras dalgúns cursos de auga hai árbores que están sufrindo fortemente o ataque destes insectos. Tamén nalgúns casos xa se percibe a necrose dos tecidos que, ao lonxe, da a aparencia de secado total das árbores.