INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 MAIO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: G - H (55 - 57 da codificación BBCH)

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Coas condicións climáticas secas destes días pasados (en xeral, a humidade relativa foi bastante baixa e na maioría dos períodos non houbo humidade foliar), pese a ter habido altas temperaturas nocturnas (entre 14 e 17 ºC segundo horas e estacións meteorolóxicas), so atopamos algunha mancha nova moi esporádica en fincas que visitamos onde aínda hai exceso de vexetación acompañante sen controlar que mesmo xa se mestura cos gromos das propias vides. Esta circunstancia incide unha vez máis na necesidade de non descoidar as ROZAS PERIÓDICAS, fundamentais para a sanidade das viñas.

Pola súa banda, nas parcelas onde na revisión anterior atoparamos máis densidade de manchas (lembren que era sobre todo no Salnés), estas estaban totalmente controladas despois do tratamento realizado e as mencionadas condicións non favorables ás infeccións secundarias, ademais das elevadas temperaturas diúrnas, por riba de 30 ºC durante horas algúns días.

20190514_Face de mancha mildio en fase curación20190514_Enves de mancha mildio en fase curación

Aínda así, e como xa case preveriamos, observamos algún acio illado nesas fincas que se veu afectado polo fungo, amosando a curvatura e a cor acastañada típica, pero carecendo de frutificación (aínda que tamén nos informaron doutros casos onde si a presentan).

Deformación acio que tivo mildioCor acastañada e curvatura en acio mildio

É máis, aínda a estas alturas temos unha plantación nova da nosa rede de seguimento sen tratamento algún, e tampouco amosaba síntomas.

Para as próximas xornadas todas as axencias meteorolóxicas consultadas anuncian elevada posibilidade de precipitación, en forma de chuvascos e de escasa contía, desde hoxe xoves e ata domingo ou martes segundo a previsión, o que incrementa o risco de infección, pero con temperaturas nocturnas por debaixo dos 12 ºC (mesmo da orde dos 6-7 ºC), que non favorecen o desenvolvemento do fungo. Coa maioría das viñas dentro do período de protección do tratamento anterior, de cumprirse estas previsións non debería haber problemas, pero aínda así haberá que ser constantes na revisión das plantas e intervir no caso de que aparezan novos síntomas ou zonas de avance nas manchas existentes.

Plasmopara vitícola - Síntomas incipientes en hojaZona de avance en mancha necrosada

Oídio

Tanto na parcela na que aínda non fixemos ningunha aplicación coma na nosa finca de Areeiro atopamos sendas plantas cos primeiros síntomas de oídio en folla. A presenza de micelio do patóxeno é moi feble e como dicimos limitada só a unha planta por cada unha das dúas parcelas, polo que de momento non imos tratar. No resto de viñas da nosa rede, que este ano inclúen máis variedades tintas cos anos anteriores ao incorporar a IXP Ribeiras do Morrazo, coma no resto de parcelas que visitamos nos nosos percorridos, non observamos síntoma algún.

Micelio oídio confirmado a lupa binocular en folla albariño20190514_Primeiros indicios de oidio en folla albariño

Botrite

A baixa humidade relativa que en xeral houbo estes días non favoreceu ao patóxeno, que ten risco de aparecer especialmente nas fincas con danos pola sarabia acontecida en períodos anteriores. Ademais, os botóns florais xa están globalmente separados, e a floración só está iniciándose, e moi timidamente, nalgunha planta dalgunhas  viñas, polo que as choivas previstas non se espera que provoquen especiais retencións de auga nos acios.

20190515 Algúns acios comezan a floraciónEn zonas expostas hai rotura de follas por vento ou sarabia

Black rot

Se na semana anterior atoparamos os primeiros síntomas do patóxeno en Areeiro e en dúas parcelas do Condado, na revisión actual observámolos na practica totalidade de fincas visitadas, o cal non sucedera nunca ata agora nos anos que levamos emitindo información fitosanitaria. Ben é certo que soamente se observa esta sintomatoloxía de forma moi puntual e restrinxida na maioría de casos a unha mancha por folla, pero obríganos a recomendar que se incremente a vixilancia, máis considerando as choivas previstas.

Obsérvanse novas manchas de black rotPicnidios de black rot en testigo 24junio2014

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Continúa o voo da especie Lobesia botrana, aínda que as cifras de capturas son, nas nosas parcelas, baixas, e tampouco atopamos aínda os primeiros indicios de actividade das eirugas.

Adultos de Lobesia teñen este aspectoCapturas de Lobesia a primeiros de campaña

Ácaros

Observamos nesta semana un incremento de follas con presenza de pequenas deformacións na face de forma verrugosa ("eríneas") debido ao ácaro da erinose, pero non atopamos síntomas causados por outros ácaros.

Aumentou presenza erinose nalgunhas viñasSíntomas de erinose no inicio da vexetación

Enfermidades da madeira

Nalgunhas viñas empezamos a observar a presenza de escaso desenvolvemento da vexetación nalgúns brazos. Esta sintomatoloxía apunta a que se trata de enfermidades da madeira. No caso de que o síntoma estea restrinxido, pode procederse, mellor xa despois da floración (e en tempo seco) a unha poda do brazo afectado,  desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un  funxicida sobre o corte.

Síntoma de enfermedad de maderaBrazo con síntomas de enfermedad de madera que conviene eliminar

Outros

20190514 Primeiras observacións cecidómidos

Nun par de viñas observamos xa as primeiras bugallas causadas polo díptero Janetiella oenephila, moi puntuais de momento. Lembren que este insecto non causa dano algún, polo que non é preciso sequera prestarlle importancia.

MACEIRA

Moteado

Nas parcelas que nós visitamos non observamos variación destacable fronte á semana anterior, pero si nos informaron de síntomas moderados nalgunhas árbores doutras fincas. O incremento da humidade que se prevé para estes días será beneficioso para o fungo, e o número de días no que tarden en aparecer os síntomas dependerá da temperatura que se dea en cada localidade.

Oídio

Nesta semana unicamente notamos un lixeiro aumento nos síntomas dunha variedade sensible da nosa finca de Areeiro. Manter a vixilancia e teñan en conta que si só hai uns poucos gromos afectados, a súa corta e destrución é unha boa medida para frear o avance da enfermidade.

Pulgóns

Nas fincas/plantas que revisamos, só se deu un aumento no número de gromos afectados polo pulgón verde, que non soe revestir gravidade.

Colonia de ninfas de pulgón verdeEnrollado de hojas por pulgón verde

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Na nosa finca de Areeiro, que mantemos sen tratamentos, non recollemos esta semana ningún adulto. En todo caso, como dicimos sempre, a presenza desta praga pode variar en curtas distancias e, se non se teñen trampas instaladas, a protección debe de ser practicamente continua para evitar danos aos froitos.

Primeras capturas de Cydia pomonella en trampa de feromonasDano inicial de Cydia pomonella

KIWI

Bacterioses

Xa observamos floración nalgunhas plantas das fincas máis adiantadas polo que, salvo que haxa unha elevada porcentaxe de plantas afectadas, é mellor non aplicar tratamentos neste estado.

20190515 Inicia floración kiwiAtaque de Pseudomonas syringae en kiwiSíntomas de PSA en folla

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Continúa aumentando a incidencia desta enfermidade endémica na nosa zona: cada vez observamos máis árbores afectadas, mesmo dos tradicionais "pexegueiros".

Gromo de nectarina co síntoma típico da lepraDeformación das follas por lepra

CÍTRICOS

Moscas brancas

Nesta semana observamos unha elevada presenza de adultos de mosca branca nos gromos, e tamén empezamos a atopar as primeiras ninfas. Así mesmo, tivemos varias consultas de particulares sobre o tema.  É importante comprobar a súa presenza e tratar para evitar a instalación de fungos de  fumagina sobre a  melaza (unha especie de azucre) que segregan.

Adultos de mosca blanca en brote y fumagina en baseMandarino con elevada presencia de mosca blanca y negrilla asociada

BUXO

Cydalima perspectalis

Aínda non capturamos ningún adulto nas tres trampas que temos instaladas, nin sequera na situada nunha localización máis cálida. Tamén temos que dicir que nesta semana nós non observamos eirugas, e tampouco recibimos tantas consultas coma nas semanas anteriores.

2190430_Nalgunhas sebes non tratadas hai danos evidentesDefoliación en parte superior de buxo

EVÓNIMO, ROSEIRAS

Oídio

Nesta semana observamos un novo ataque deste fungo en varias sebes da provincia.

Novo ataque de oídio en evónimo20190416 Ataque importante de oídio en evónimo

SALGUEIROS E OUTRAS ÁRBORES DE RIBEIRA

Desfolladores

Desde hai xa unhas dúas semanas, están a observarse en moitas zonas síntomas do ataque destes insectos. Os síntomas consisten en erosións e pequenos orificios debidos á actividade alimenticia de adultos e larvas. Ao pasar o tempo, as follas afectadas necrosarán e adquirirán un aspecto seco.

Larvas e síntomas de crisomélido en ramiño de salgueiroBrote de sauce con síntomas de crisomélidos y agallas de cecidómidos