INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 MAIO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: G - (H) [55 - (57) da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Despois da emisión do aviso anterior houbo, desde o domingo 5 ou o luns 6 segundo estacións, temperaturas mínimas que superaron, mesmo amplamente, os 12 ºC, e que nas noites desde a do 6-7, foron acompañadas de humidade relativa elevada ou de humidade foliar e de precipitación. Con estes datos, houbo condicións de infección secundaria todas estas noites coincidindo nun momento coma este en que os acios en formación son moi sensibles. A esta circunstancia hai que engadir que algunhas das últimas intervencións fitosanitarias realizáronse en condicións de ventos fortes, incompatibles cunha aplicación eficaz.

Deste xeito, nas revisións tanto ás parcelas da nosa rede de seguimento coma a outras moitas que visitamos esta semana, observamos manchas de aceite en todas elas (polo tanto apareceu a primeira mancha nas fincas onde aínda non o fixera). Tamén nas follas de plantas abandonadas nos bordos das fincas atopamos manchas, o que unicamente sucede cando concorren condicións moi propicias ao fungo.

20190507_Algunhas manchas case imperceptibles20190509_Había manchas tamén en plantas vides abandoadas

Nalgunhas viñas, a presenza de síntomas era totalmente anecdótica e puntual (1-2 en toda a finca), pero noutras, sobre todo da comarca do Salnés, a porcentaxe de cepas con síntomas estaba arredor do 50%. As manchas observadas eran na súa maioría moi recentes, algunhas sen frutificación e outras coa esporulación incipiente. Tamén entre as manchas máis antigas había unhas totalmente controladas e outras con zona de avance.

20190509_Apareceron manchas novas en todas as fincas20190509_Mancha sen frutificación20190507_Aspecto esporulación controlada en mancha de mildio

Como xa saberán, despois de hoxe venres anúncianse unhas xornadas de tempo seco, soleado e con moita calor. A presenza de manchas recentes nas fincas, unida á acumulación de humidade a nivel dos acios, que aínda non teñen, na súa maioría, os botóns florais separados, poderán xerar a aparición dos primeiros danos nos acios, polo que é necesario aplicar canto antes un tratamento se é que non se fixo xa aproveitando os claros no tempo que houbo nos primeiros días da semana.

Se xa renovaron o tratamento en días pasados, lembren que é fundamental confirmar a súa eficacia comprobando que non aparezan manchas novas. Se non é así e deben repetir a aplicación, procuren usar materias activas con diferente modo de acción das empregadas anteriormente

Tamén nestes momentos é IMPRESCINDIBLE o control da vexetación adventicia para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das viñas. Parte desta vexetación está en floración nestes momentos, co que non é difícil que as inflorescencias acaden unha boa altura

Oídio

As precipitacións rexistradas non foron favorables ao fungo polo carácter forte que tiveron por momentos. Así, na revisión desta semana tampouco atopamos os primeiros síntomas sobre albariño, nin sobre outras variedades, mesmo sensibles e con historial de danos por este patóxeno. Manter a vixilancia.

Botrite

A elevada humidade que se deu desde o inicio de semana puido ter provocado a expresión de síntomas desta enfermidade nas parcelas máis afectadas por sarabia ou vento, pero sen embargo non observamos síntomas.  De cara aos próximos días, de previsión de tempo seco e soleado segundo todas as axencias meteorolóxicas, tampouco se espera que aparezan aínda a pesar de que a maioría dos acios aínda non separaron os botóns florais e neles tense acumulado moita humidade debido ás choivas.

20190507_Maioría de acios cos botóns aínda non separados20190424_Tecido necrosado en folla

Black rot

Nesta semana observamos os primeiros síntomas da enfermidade tanto nas plantas da nosa finca de Areeiro coma en dúas do Condado. En todos os casos tratábase dunha sola mancha ou máximo tres en follas moi puntuais dalgunha cepa. As condicións ambientais previstas para as próximas xornadas non son favorables ao desenvolvemento do fungo, polo que non debería de haber un avance na sintomatoloxía.

20190508_Primeira mancha de black rot en Areeiro20190509_Manchas de black rot e mildio no Condado

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

As capturas de Lobesia botrana continúan en niveis moi baixos en todas as trampas que temos instaladas (e de Eupoecilia ambiguella tampouco nesta semana capturamos ningún adulto). Debido ás choivas, algunhas aglomeracións de grans poden ser confundidas con  niños ou glomérulos das eirugas, pero probablemente non o sexan (nós aínda non atopamos os primeiros en ningunha das fincas que visitamos).

Capturas de Lobesia a primeiros de campañaDetalle de adulto de Lobesia botrana

Ácaros

Unha semana máis, só vimos novos síntomas de erinose, pero continuamos sen detectar poboacións de  acariose, nin nas nosas parcelas de seguimento nin nas demais.

20190416_Erinose en gromos basaisSíntomas de erinosis en vegetación

Enfermidades da madeira

Nalgunhas viñas empezamos a observar a presenza de escaso desenvolvemento da vexetación nalgúns brazos. Esta sintomatoloxía apunta a que se trata de enfermidades da madeira. No caso de que o síntoma estea restrinxido, pode procederse, mellor xa despois da floración (e en tempo seco) a unha poda do brazo afectado,  desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un  funxicida sobre o corte.

Síntoma de enfermedad de maderaBrazo con síntomas de enfermedad de madera que conviene eliminar

MACEIRA

Moteado

Aínda que as previsións meteorolóxicas apuntan a tempo seco para os próximos días, se non aplicaron o tratamento sobre as variedades sensibles recomendado a semana anterior deben facelo o antes posible debido ás condicións favorables ao fungo destes días.

Oídio

No caso desta enfermidade son as choivas que se teñen producido, de certa intensidade nalgúns momentos, as que non favoreceron ao  patóxeno, que apenas avanzou. Manter a vixilancia.

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Ao igual que na revisión anterior, nesta semana tamén capturamos 4 adultos na trampa que temos na nosa finca de Areeiro (lembren que non a tratamos para poder seguir a evolución natural da praga). Sen embargo, como dicimos todos os anos, as poboacións poden ser diferentes mesmo en leiras próximas e por iso tamén insistimos na conveniencia instalar as súas propias trampas.

MARMELEIRO

Oídio

Curiosamente, a pesar das choivas intensas dalgún momento, incrementouse o número de follas con presenza de micelio do fungo nas nosas plantas de Areeiro.

20190503_Síntomas de oidio membrilleiroFuerte presencia de oidio en hoja de membrillero

Entomosporium maculatum

Como era previsible á vista da climatoloxía, viuse incrementado esta semana o número de árbores afectadas por este patóxeno, e tamén aumentou a presenza de manchas dentro de cada folla. Coa climatoloxía seca que se anuncia para os próximos días posiblemente non irán a máis, pero hai que incrementar a vixilancia porque este fungo pode provocar caída prematura de follas.

KIWI

Bacterioses

Debido a que en xeral seguen as plantas cos botón florais (estado E1 -53 da escala BBCH-), e non algo abertos (E2 -55 da codificación BBCH-) aínda pode realizarse o tratamento recomendado nos últimos avisos. Ademais, nestes momentos cobra aínda máis importancia debido ás choivas (que terán lavado o produto da anterior aplicación e que tamén son favorables ás bacterias) e xa á presenza de síntomas en moitas plantacións.

Ataque de Pseudomonas syringae en kiwiSíntomas de PSA en folla

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Despois das precipitacións será necesario renovar os tratamentos fronte a esta enfermidade, cuxos síntomas son cada vez máis visibles a raíz das precipitacións e da elevada humidade que se rexistra.

Gromo de nectarina co síntoma típico da lepraDeformación das follas por lepra

VARIOS CULTIVOS (FROITEIRAS, FRESA, OUTRAS)

Drosophila suzukii

Nesta semana capturamos menos adultos nas trampas que temos instaladas nas cerdeiras da nosa finca de Areeiro. Lembren que as larvas desta especie aliméntanse dos froitos de diferentes especies (cerdeira, amorodo, kiwi, froitas do bosque, etc.), e poden provocar secado dos mesmos aparte podremias sobre eles. Para reducir o número de adultos e evitar así a posta de ovos na froita, poden instalar nas árbores trampas de captura caseiras cunha botella de plástico con buracos de ao redor de 5 mm onde botarán vinagre de mazá. Non son trampas específicas, e por iso capturarán máis especies.

Macho de Drosophila suzukii y detalles caracteristicosOvo de Drosophila suzukii en cereixa

PATACA

Mildio

O risco de infección é alto debido á elevada humidade relativa. Debido a que as plantas están en fase de crecemento activo, aconséllase mantelas protexidas, utilizando preferiblemente funxicidas sistémicos.

: Brote terminal de patata necrosado a consecuencia del mildiuEsporulación mildio pataca

BUXO

Cydalima perspectalis

Se ben nas sebes que nós controlamos (todas elas na provincia de Pontevedra) xa non quedan eirugas, continuamos recibindo numerosas consultas das diferentes partes de Galicia referindo a permanencia dalgunhas eirugas, que sen dúbida deben de ser as últimas da xeración hibernante. Pola súa parte, nas trampas que temos instaladas aínda non recollemos os primeiros adultos (que, lembren, xa naceron en condicións de laboratorio).

2190430_Nalgunhas sebes non tratadas hai danos evidentesEiruga de ultimo estado de Cydalima alimentándoseEiruga desenvolvida de Cydalima e fíos de sedaDefoliación en parte superior de buxoAspecto dunha planta de buxo fortemente afectada de Cydalima

CAMELIA

Ácaro da caída do botón floral (Cosetacus camelliae)

Na información publicada o día 17 de abril falabamos de que era o momento idóneo para aplicar un tratamento fronte a este ácaro. Pois ben, aínda están a tempo de facelo xa que aínda hai crecemento de gromos nalgunhas camelias e estamos a verificar que en moitas plantas as poboacións son moi elevadas.

Lembren ademais que os botóns florais caídos ao chan deben ser eliminados para limitar a incidencia do ácaro

20190503_Planta pequena de camelia con gromos e botóns atacados por CosetacusCaida masiva de capullos de camelia afectados por el ácaro Cosetacus camelliae