INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 ABRIL 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: F - G (53-55 da codificación BBCH)

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Desde a emisión do anterior aviso fitosanitario semanal (17 de abril) houbo unha variedade de condicións climáticas, desde días, como a pasada fin de semana, con temperaturas medias e máximas moi elevadas e ausencia de choivas e humidade foliar, ata esta semana de choivas máis ou menos intermitentes acompañadas dun descenso notorio nas temperaturas, especialmente as nocturnas, que se mantiveron na contorna dos 6-8 ºC. Con esta situación, houbo tamén diferente nivel de risco de infección segundo o período e, como publicamos o pasado día 23, detectouse a primeira manchade mildio no Rosal. Desde ese día, xa detectamos as primeiras manchas en sendas viñas do Salnés (unha delas con esporulación evidente, pero a outra no). No resto de fincas non observamos síntomas, pero espérase que aparezan nos próximos días, tendo en conta a climatoloxía pasada e a prevista canto á subida das temperaturas mínimas. De feito, o desenvolvemento do mildio segundo Goidanich nas diferentes estacións consultadas da provincia xa acadou, ou está moi próximo, o 100%, e aínda que este é un modelo teórico e non ten por que cumprirse estritamente na práctica, sempre é unha boa orientación.

A día de hoxe, as axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden estritamente no seu prognóstico para os próximos días pois, aínda que todas falan dunha melloría na climatoloxía, algunhas aínda manteñen períodos con probabilidade de precipitación maior do 60% algún día. Tendo en conta esta situación, as nosas recomendacións varían segundo a situación de cada finca:

  • naquelas viñas onde aínda non se fixo ningún tratamento, revisar moi ben á procura da primeira mancha e, se non se fan revisións, intervir para evitar problemas futuros;
  • naquelas nas que xa se fixera un tratamento, vixiar o estado das plantas, aínda que é de esperar que non presenten novos síntomas mentres estean ben protexidas.

Nestes primeiros tratamentos estanse a aplicar funxicidas sistémicos ou tamén penetrantes, que soen ir acompañados dunha materia activa de contacto. Para aproveitar a acción desta última materia activa, no tratamento deben mollar tamén a cara inferior (envés) das follas

20190424_Primeira mancha de mildio en Salnes20190424_Enves de primeira mancha de mildio en Salnes

Oídio

Aínda non observamos os primeiros síntomas da enfermidade. Ben é certo que as precipitacións que se teñen producido, fortes en ocasións, non son favorables ao fungo. Aínda así, nas variedades máis sensibles é conveniente incrementar a vixilancia.

Micelio de oídio na cara da folla de variedade tintaCrispado de follas por ataque de oídio

Botrite

Como sabemos e xa dixemos no anterior aviso semanal, en moitas zonas houbo diferentes episodios de sarabia e ventos fortes, o que conduciu a roturas de follas e gromos. Conforme transcorre o tempo desde que se producen esas lesións, van aparecendo tecidos necrosados sobre os que se pode instalar este fungo. De feito, esta semana xa observamos as necroses nalgunhas fincas, pero non esperamos que teñan maior incidencia debido a que a maioría das previsións meteorolóxicas apuntan para a próxima semana unha climatoloxía máis seca (e mesmo con ventos secos do norte algúns días). En todo caso, non esquezan que se aplican un produto que leve folpet cando fagan unha potencial intervención fronte ao mildio diminuirá aínda máis o risco.

20190424_Despois das roturas de follas hai tecido necrosado20190424_Tecido necrosado en folla

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Están a producirse as primeiras capturas de Lobesia botrana, en todas as fincas, e tamén algunha de Eupoecilia ambiguella, de momento só nunha parcela do Morrazo. De momento as capturas son o único indicio de actividade destas pragas.

Adultos de Eupoecilia recollidos en trampa de feromonasDetalle de adulto de Lobesia botrana

Lembren que cando se van instalar estas trampas é conveniente abrir o envoltorio do difusor 24 horas antes para que libere o exceso de feromona, xa que de non facelo pode haber un exceso de capturas que non representa á poboación real de couzas da finca

Pedroulo e outros gurgullos

Adulto de pedroulo en viña

Nesta semana observamos o primeiro adulto de pedroulo na nosa viña de Areeiro, que ten en xeral menor desenvolvemento da vexetación que a maior parte das fincas.

Ácaros

Continúa habendo síntomas de erinose en case todas as fincas, e tamén os síntomas que poden apuntar á presenza de acariose pero que en realidade son debidos a cambios continuados nas condicións ambientais, temperaturas sobre todo.

20190416_Erinose en gromos basaisFisiopatía que en ocasións foi confundida con síntomas de acariose

Danos por vento e/ou sarabia

En boa parte das viñas obsérvanse síntomas destes fenómenos meteorolóxicos. Non representan en xeral un perigo para o vigor das plantas porque serán absorbidos sen dúbida polo desenvolvemento de novos gromos. Ademais, se para a semana aumentan as temperaturas e a insolación, haberá que esperar unha máis rápida recuperación das plantas.

20190423_Continuan rompendo gromos pola escasa vexetación e os ventos fortesEn zonas expostas hai rotura de follas por vento ou sarabia

MACEIRA

Moteado

Tampouco atopamos nesta semana síntomas da enfermidade nas nosas parcelas de seguimento, e de feito o risco de infección nestes momentos só é medio debido ás baixas temperaturas.

11maio18_Primeiro sintoma moteado en Areeiro Manchas incipientes de moteado

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Estanse tendo as primeiras capturas desta especie nas trampas. Para un control razoado da praga deberase tratar se hai máis de 3 machos recollidos por semana.

Instalación da trampa delta na maceira ao inicio da campañaPrimeras capturas de Cydia pomonella en trampa de feromonas

KIWI

Bacterioses

Nalgunhas plantacións xa empeza a observarse que os primeiros botóns están amosando as puntas dos pétalos de cor verde, co que xa se está a iniciar o estado fenolóxico E2 (55 da codificación BBCH).  Debido a que é conveniente protexer a futura floración fronte a estas enfermidades, haberá que renovar nos próximos días o tratamento cúprico que potencialmente se teña aplicado en días pasados.

20190424_Alguns botons de kiwi xa empezan a abrir20190411_Hai botons florais no kiwi

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Tamén será preciso renovar as aplicacións fronte a esta enfermidade, pois o tempo chuvioso destes días favorece sensiblemente ao fungo causante desta patoloxía.

Lepra en follas de pexegueiroDiferente grao de deformacion das follas por lepra

CÍTRICOS

Phytophthora spp

As precipitacións destes días foron condicións favorables a estes fungos. Para o seu control, lembren que hai que evitar acumulacións de auga na zona  radicular e, se hai froitos afectados, deben retirarse e eliminarse (tamén os do solo). Ademais, se a enfermidade está confirmada, é conveniente aplicar un tratamento.

Este limoeiro está afectado por PhytophthoraFroitos de cítricos con diferente grao de ataque de Phytophthora hibernalis

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana tivemos as primeiras emerxencias de adultos na cría que mantemos en laboratorio para adiantarnos ao ciclo da especie en condicións naturais. Canto ás eirugas, aínda quedan sebes con algunhas, pero o número redúcese á vez que se incrementa a presenza de crisálides e de gromos novos. Naquelas sebes onde aínda sexa necesario un tratamento, lembren que debe ser aplicado mollando moi ben a totalidade da planta e con boa presión.

20190422_Adulto de Cydalima nacido no laboratorio e resto da crisalideGromos novos parcialmente afectados sobre ataque anterior

PATACA

Mildio

Despois deste período de humidade tan elevada será necesario renovar os tratamentos fronte a esta patoloxía, pois a subida de temperaturas prevista provocará unha maior evaporación da humidade do solo e favorecerá os ataques do fungo.

Apice e folla de pataca con mildioMildio esporulado en pataca