INFORMACIÓN FITOSANITARIA 03 MAIO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (F) - G [(53)55 da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Nesta semana apenas notamos avance no desenvolvemento dos viñedos, cuxa vexetación está bastante contida. Sen dúbida as temperaturas frescas que se dan durante estes días durante as horas nocturnas, así como os ventos fríos do norte das últimas xornadas, están entre as causas desta situación

Mildio

As mesmas circunstancias climatolóxicas ás que acabamos de referirnos, é dicir, temperaturas frescas durante a noite e primeiras horas da mañá e os ventos do norte, ademais de valores medios de humidade relativa bastante moderados (ao redor do 70-80%), non foron especialmente favorables ao desenvolvemento do fungo. Tamén é certo que algúns viñedos xa recibiron o primeiro tratamento e aínda están protexidos. Sen embargo, houbo episodios de sarabia localmente, e tamén momentos de humidade foliar, que favorecen ao patóxeno. Así, observamos as primeiras manchas de aceite en fincas especialmente abrigadas e sensibles. É máis, en dúas delas, que foron tratadas os días 20 e 26, respectivamente, de xeito preventivo e polo tanto antes da detección da primeira mancha, apareceron novos síntomas en folla, e por iso recomendouse renovar a intervención na primeira delas, utilizando unha materia activa con diferente modo de acción. Este feito obríganos a incidir unha vez máis na importancia de verificar que os tratamentos cumpriron o seu obxectivo, e para iso é preciso revisar periodicamente os viñedos.

Para os próximos días, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén precipitacións, unidas a unha lixeira subida de temperaturas mínimas, a partir do martes día 7 (algunha incluso da choiva xa o propio luns) e polo menos ata xoves 9 ou venres 10, polo que entramos nun período de maior risco de mildio. Estas previsións obrigan a renovar as intervencións naqueles viñedos onde xa se detectara a mancha e nos que está próximo a concluír o período de protección teórico do tratamento anterior, e a estremar ao máximo a vixilancia onde aínda non se atoparan os primeiros síntomas e non se tivera realizado a primeira intervención.

Nestes días, as APLICACIÓNS FITOSANITARIAS DEBEN SER REALIZADAS APROVEITANDO MOMENTOS DE POUCO VENTO: de non ser así, o caldo pérdese ao ser arrastrado fóra das zonas a tratar, co que as plantas non quedan protexidas e o tratamento non é eficaz

Tamén nestes momentos é IMPRESCINDIBLE o control da vexetación adventicia para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das viñas. Parte desta vexetación está en floración nestes momentos, co que non é difícil que as inflorescencias acaden unha boa altura

 

Oídio

Seguimos sen observar síntoma algún da enfermidade, nin sequera nas variedades máis sensibles e/ou onde todos os anos hai presenza do fungo, que é onde se debe centrar a vixilancia.

Botrite

Non observamos síntomas en ningunha parcela (nin sequera naquelas onde hai danos mecánicos por vento e/ou sarabia), debido á moderada humidade relativa e aos ventos secos do norte. Porén, a partir da semana próxima haberá que estar pendentes nas fincas afectadas se, como se anuncia, hai precipitacións.

 

Black rot

Aínda non detectamos as primeiras manchas en ningunha finca, xa sexa da nosa rede de seguimento ou das que visitamos nos nosos percorridos. Tampouco as condicións climáticas destes días foron favorables, pero tamén haberá que incrementar a vixilancia despois das precipitacións previstas para a próxima semana.

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nesta semana xa non capturamos ningún adulto de Eupoecilia ambiguella na trampa da parcela do Morrazo onde se recolleran na revisión anterior. Pola súa banda, as capturas de Lobesia botrana permanecen en niveis moi baixos.

Adultos de Eupoecilia recollidos en trampa de feromonasDetalle de adulto de Lobesia botrana

Lembren que cando se van instalar estas trampas é conveniente abrir o envoltorio do difusor 24 horas antes para que libere o exceso de feromona, xa que de non facelo pode haber un exceso de capturas que non representa á poboación real de couzas da finca

Pedroulo e outros gurgullos

Adulto de pedroulo en viña

A pesar de que, como dixemos ao inicio da información fitosanitaria desta semana, o desenvolvemento da vexetación das viñas está bastante freado, non observamos signos de máis presenza destes insectos, nin na nosa viña de Areeiro, nin en calquera outra.

Ácaros

Continúa habendo síntomas de erinose en case todas as fincas, e tamén os síntomas que poden apuntar á presenza de acariose pero que en realidade son debidos a cambios continuados nas condicións ambientais, temperaturas sobre todo.

20190416_Erinose en gromos basaisFisiopatía que en ocasións foi confundida con síntomas de acariose

Danos por vento e/ou sarabia

Como xa temos referido, unha semana máis houbo precipitacións en forma de sarabia nalgunhas zonas que provocaron lesións nos gromos, rotura dos mesmos e tamén rachos de follas. Ademais, foi xeneralizada a presenza de ventos moderados e mesmo fortes que, co escaso desenvolvemento da vexetación, contribuíron á perda dalgúns gromos. Como se sabe, as feridas de calquera natureza son portas de entrada de certos patóxenos, polo que haberá que estar pendentes despois das choivas que se aveciñan.

MACEIRA

Moteado

As condicións climáticas desta semana non foron moi favorables ao desenvolvemento do fungo, pero sen embargo atopamos os primeiros síntomas da enfermidade na nosa finca de Areeiro. Simplemente afectaban a unha soa folla dunha planta, pero para a semana anúncianse precipitacións, polo que en variedades especialmente sensibles aconséllase aplicar un tratamento.

Oídio

Tamén nesta semana vimos algúns gromos con síntomas, pero polo menos nas nosas parcelas non tiñan moita incidencia

 

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nesta semana xa se superou o limiar de tratamento na nosa finca de Areeiro con 4 adultos na trampa, pero non imos tratar para poder seguir o ciclo natural da praga.

MARMELEIRO

Oídio

Do mesmo xeito que no caso da maceira, tamén na nosa finca atopamos síntomas dispersos desta enfermidade.

Entomosporium maculatum

Tamén nalgunhas árbores atopamos as manchas producidas por este fungo que sen dúbida se incrementarán coas choivas que se prevén.

KIWI

Bacterioses

20190424_Alguns botons de kiwi xa empezan a abrir

Do mesmo xeito que comentamos na viña, non notamos avance na fenoloxía do kiwi, que nas zonas máis avanzadas continúa no estado fenolóxico E2 (55 da codificación BBCH). Despois das precipitacións previstas sera necesario polo tanto renovar o tratamento cúprico que potencialmente se teña aplicado en días pasados.

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Gromo de nectarina co síntoma típico da lepra

Continúan avanzando os síntomas desta enfermidade naquelas árbores onde non se realizaron tratamentos. Despois das choivas previstas haberá que renovar as intervencións.

VARIOS CULTIVOS (FROITEIRAS, FRESA, OUTRAS)

Drosophila suzukii

Nas trampas que temos instaladas nas cerdeiras da nosa finca de Areeiro incrementouse o número de adultos recollidos nas trampas que temos instaladas. Lembren que as larvas desta especie aliméntanse dos froitos de diferentes especies (cerdeira, amorodo, kiwi, froitas do bosque, etc.), e poden provocar secado dos mesmos aparte podremias sobre eles. Para reducir o número de adultos e evitar así a posta de ovos na froita, poden instalar nas árbores trampas de captura caseiras cunha botella de plástico con buracos de ao redor de 5 mm onde botarán vinagre de mazá. Non son trampas específicas, e por iso capturarán máis especies.

Macho de Drosophila suzukii y detalles caracteristicosOvo de Drosophila suzukii en cereixa

BUXO

Cydalima perspectalis

Desde que emitimos a anterior información fitosanitaria (venres 26 de abril), recibimos numerosas consultas de toda Galicia referindo graves danos nas plantas e a presenza de numerosas eirugas aínda a pesar de ter tratado. Moitas veces a causa desta problemática é que os tratamentos non foron aplicados de xeito correcto porque, lembren, deben ser aplicados a presión e parándose moito para que teñan eficacia.

2190430_Nalgunhas sebes non tratadas hai danos evidentesEiruga de ultimo estado de Cydalima alimentándoseEiruga desenvolvida de Cydalima e fíos de sedaDefoliación en parte superior de buxoAspecto dunha planta de buxo fortemente afectada de Cydalima

CAMELIA

Ácaro da caída do botón floral (Cosetacus camelliae)

Na información publicada o día 17 de abril falabamos de que era o momento idóneo para aplicar un tratamento fronte a este ácaro. Pois ben, aínda están a tempo de facelo xa que aínda hai crecemento de gromos nalgunhas camelias e estamos a verificar que en moitas plantas as poboacións son moi elevadas.

Lembren ademais que os botóns florais caídos ao chan deben ser eliminados para limitar a incidencia do ácaro

20190503_Planta pequena de camelia con gromos e botóns atacados por CosetacusCaida masiva de capullos de camelia afectados por el ácaro Cosetacus camelliae