INFORMACIÓN FITOSANITARIA 01 XUÑO 2018
VIÑA
Mildio
Desde a emisión da información fitosanitaria anterior (25 maio) alternáronse días con diferente contía de choivas e días con nebulosidade pero sempre con temperaturas suaves (e nalgúns momentos baixas). Segundo os rexistros de Meteogalicia, na maioría das estacións houbo condicións favorables á esporulación e ás infeccións secundarias boa parte das xornadas. Porén, nas viñas que revisamos (como dixemos en repetidas ocasións, xa non son unicamente as da nosa rede habitual de seguimento) non atopamos manchas novas e as antigas estaban curadas en xeral. Esta situación era de esperar porque a práctica totalidade de fincas recibiron un tratamento a semana anterior, pero mesmo no captador que temos entre as plantas testemuña da nosa finca de Areeiro a concentración de esporas é bastante baixa.
As diferentes previsións meteorolóxicas consultadas anuncian sucesión de períodos de choivas tanto ao longo da fin de semana como nos comezos (algunhas) ou na totalidade (outras) da semana que entra, e tamén temperaturas suaves mesmo de noite. Con isto, e máis tendo en conta a entrada na floración dos viñedos, o risco de mildio segue a ser elevado polo que será imprescindible estar atentos, aplicando un tratamento no caso de que se observen novos síntomas ou zonas de avance (ou esporulación) nos síntomas antigos, e tamén naqueles casos nos que terminase o período de protección teórico da intervención anterior. É dicir, debe manterse o máximo nivel de vixilancia, pois un fallo na protección nestes momentos pode comprometer o futuro da colleita.
Oidio
Tampouco nesta semana observamos novos síntomas desta enfermidade. Aínda así, as condicións climáticas de luz difusa e nubes constantes son condicións favorables ao patóxeno. Por iso, naquelas parcelas (ou variedades) onde todos os anos hai problemas debidos a este fungo será preciso engadir un funxicida antioídio no caso de renovar a intervención antimildio.
Botrite
As condicións de elevada humidade que, segundo as diferentes axencias meteorolóxicas, seguirán caracterizando a climatoloxía dos próximos días poden favorecer que comecen a observarse síntomas deste patóxeno tanto sobre os restos dos capuchóns florais dos acios como nas follas que presenten feridas por sarabia, ventos, etc. De feito, xa no captador de esporas instalado entre as plantas testemuña da viña de Areeiro a concentración de esporas é relativamente elevada, duplicando incluso á do mildio.
Black rot
Non observamos cambios en canto a presenza desta enfermidade na nosa parcela de seguimento do Condado nin tampouco na de Areeiro, e iso que as condicións climáticas están sendo favorables á enfermidade. Manter a vixilancia, pois segundo se prevé, a meteoroloxía seguirá a ser favorable ao desenvolvemento do patóxeno.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambigüella)
Mentres as capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas das parcelas da nosa rede continúan a ser moi baixas, notamos un lixeiro incremento na presenza de niños (glomérulos), que en ningún caso xustifica a aplicación dun tratamento.
Como sabemos, normalmente non é necesario tratar esta primeira xeración porque os seus danos son menores (serían como moito unha especie de aclareo) e ademais non hai relación directa entre a contía desta xeración e as seguintes
Cicadélidos
Unha semana máis temos que falar de capturas testemuñais nas trampas cromáticas das parcelas da nosa rede e nos recontos de larvas e ninfas que facemos nas follas, e é que tampouco as condicións climáticas destes días están a ser favorables a estes insectos.
Ácaros
MACEIRA
Moteado
Do mesmo xeito que no caso do mildio das viñas, nas fincas que revisamos, esta semana non notamos cambio algún canto á presenza deste patóxeno nas follas (de momento non o vimos na froita) fronte á semana anterior. Aínda así, as condicións climáticas seguirán sendo propicias en xeral e por iso naquelas parcelas con historial de danos polo fungo e naquelas outras con síntomas e/ou variedades sensibles hai que extremar a vixilancia e tratar se os síntomas se incrementan.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
No aviso anterior indicábase que as poboacións desta bolboreta podían ser moi variables mesmo entre parcelas próximas, o cal é unha das súas características. Pois precisamente nesta semana informáronnos deste feito, relativo neste caso ás capturas de machos, en dúas trampas colocadas na mesma finca e separadas non máis de 25 metros: unha delas superaba amplamente o limiar de tolerancia e na outra non se recollera ningún individuo. Por isto é tan importante a protección sistemática se hai antecedentes da praga e se non se efectúa un seguimento mediante as trampas de feromonas sexuais.
Outros
PEREIRA
Moteado
Torcegromos (Janus compressus) e botrite
MARMELEIRO
Entomosporium maculatum
CERDEIRA
Monilia (e botrite)
Ao igual que no caso anterior, as condicións meteorolóxicas destes días son moi favorables á monilia, e de feito non é difícil ver cereixas afectadas nas árbores, especialmente nos ramalletes de maio (formacións frutíferas onde maioritariamente están as cereixas) de varios froitos e a partir dos rachos da pel producidos por diversas causas. Se é posible, é conveniente eliminar estes froitos coa frutificación do fungo, pero tamén hai a opción de aplicar un tratamento cun funxicida autorizado RESPECTANDO SEMPRE O PRAZO DE SEGURIDADE (hai produtos rexistrados que teñen só 3 días).