INFORMACIÓN FITOSANITARIA 27 XULLO 2018
VIÑA
Mildio
As condicións meteorolóxicas rexistradas desde a emisión do aviso anterior foron menos favorables ao patóxeno que as precedentes pois, aínda que as temperaturas mínimas mantivéronse altas (e sempre por riba dos 13-14ºC), a humidade relativa media foi máis baixa en conxunto e tamén baixou o número de horas con humidade foliar (salvo esta última noite pola precipitación que houbo). Porén, antes desta noite aínda houbo condicións de esporulación algúns días pero menos que na semana anterior.
Esta situación climática tivo loxicamente seu reflexo no volume de esporanxios no aire recollido no captador que temos entre as plantas testemuña da nosa viña de Areeiro, que baixou sensiblemente desde o pico de 1399/m3 acontecido o pasado xoves, coincidindo coa lixeira precipitación que houbo.
Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Con todo, este ano de tempo inestable de xeito recorrente si é certo que hai máis inóculo deste patóxeno no aire fronte ao ano anterior tan seco, pois a estas alturas o mesmo captador recollía menos de 100 esporanxios/m3 no 2017. Así, nas plantas testemuña esta semana volvemos observar gromos tenros totalmente ocupados por mildio, e a frutificación do fungo é unha constante a nivel dos pampos (lembren que o 100% dos acios xa están totalmente afectados).
Pola súa banda, nas plantas tratadas, e na totalidade de fincas que revisamos na última visita, unicamente permanecían síntomas antigos que non avanzaron e só apareceron algunhas manchas, illadas e sen frutificación, nos gromos novos que continúan medrando.
Non obstante, continuamos a ter consultas abundantes que refiren ataques mal controlados do fungo, e que na maioría dos casos descubrimos que están asociados a unha escasa aireación dos acios polo desenvolvemento exaxerado dos pampos ou a problemas nas aplicacións.
De cara aos días inmediatos, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indican certa inestabilidade (nubes alternando con claros e mesmo probabilidade medio-alta de certa precipitación en días diferentes segundo a axencia), pero a partir de martes ou mércores parece que virá tempo seco e temperaturas moi elevadas, con máximas por riba dos 30 graos. Con esta situación, haberá que estar aínda pendentes da evolución dos síntomas na primeira parte do período (sobre todo despois da choiva desta noite), e aplicar un tratamento no caso de que continúen aparecendo acios afectados de mildio larvado. Despois destes primeiros días, a enfermidade tenderá a estabilizarse, e mesmo debería diminuír a aparición de manchas nas follas tenras.
Lembren que para os potenciais tratamentos que poidan aplicar, nestes momentos son recomendados os produtos con cobre, pois endurecen a pel dos grans (e tamén contribúen a limitar o vigor das plantas). Segundo as necesidades, os funxicidas con hidróxido de cobre teñen unha acción máis rápida aínda que menor persistencia que os que levan oxicloruro, e os formulados con sulfato de cobre teñen unha persistencia interesante aínda que quizás son máis lentos que os anteriores
Oidio
Persisten as condicións de climatoloxía favorable ao patóxeno, sobre todo algúns días e nalgunhas zonas onde hai néboas moi densas e persistentes. Ademais, aínda que a sensibilidade da uva ao fungo practicamente desaparece co peche do acio, este estado non termina de xeneralizarse, polo que permanecemos en situación de risco. Nas fincas que nos revisamos, as variedades brancas están practicamente libres de síntomas, e os que hai están ben controlados; as tintas teñen en xeral máis problemas, pero estes tamén melloraron desde que se realizaron as podas en verde e os esfollados. Para os próximos días, e segundo as previsións meteorolóxicas, aínda haberá condicións favorables a este patóxeno, co que haberá que seguir mantendo a vixilancia, en especial naquelas parcelas que xa teñen síntomas (nas outras é menos probable que aparezan). Se a enfermidade continúa avanzando, aínda haberá que tratar, e o tratamento poden centralo xa nos acios. Lembren que se os gran rachan a consecuencia deste fungo favorecerán o ataque da podremia gris, da que hai máis esporas este ano húmido.
Botrite
Na revisión desta semana non atopamos síntomas novos nas parcelas que observamos, pero si é certo que hai certo nivel de esporas no aire (que mesmo se incrementará despois das choivas desta pasada noite).
Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Por estes motivos, e tendo en conta as previsións meteorolóxicas, o nivel de risco será bastante elevado nos días inmediatos, pero baixará sensiblemente se, como se prevé, entra unha masa de aire moi cálido a partir de martes ou mércores e a situación de tempo estable se prolonga durante máis de 10 días como anuncian algunhas axencias de Meteoroloxía. En consecuencia, a nosa recomendación é continuar revisando o viñedo especialmente onde xa se tiveran detectado síntomas do fungo, intervir se aparecen novos acios afectados (o tratamento dirixido só aos acios) e ampliar a periodicidade da revisión desde que mellore a climatoloxía.
Este fungo ten repercusións cualitativas moi importantes (degradación e perda de azucres, oxidación, alteracións no do perfil aromático no viño...). As medidas agronómicas son moi importantes na loita co obxectivo de manter unha masa foliar equilibrada que evite condicións favorables ao patóxeno na contorna dos acios
Black rot
Debido a que o tempo non terminou de estabilizarse aínda existe risco para os acios, aínda que preto do peche (situación actual) este é menor. Porén, esta semana faláronnos da aparición nalgunhas fincas do Ribeiro de acios afectados, polo que cando menos as zonas máis próximas deben permanecer en certo nivel de alerta. Con todo, se finalmente hai tempo seco e estable desde a primeira metade da semana non son esperables danos.
Lembren que para o control desta enfermidade varios funxicidas destinados a combater o mildio e algúns antioídio actúan tamén contra este fungo.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Nesta semana descendeu o número de capturas de adultos de Lobesia botrana nas trampas que temos instaladas nas parcelas da nosa rede de seguimento do Condado e do Rosal. Nas do Salnés, sen embargo, houbo un incremento significativo, chegando a acadarse a cifra de 70 na trampa que temos na finca da Modia. Maila estas capturas, de momento aínda vimos só unha posta e dúas penetracións na finca, nun reconto feito sobre cerca de 500 acios. Iso si, estes datos obrigan a incrementar a vixilancia, pero non recomendaremos un tratamento ata ver a evolución dos síntomas.
Non é conveniente aplicar insecticidas fronte a esta praga a menos que sexa realmente necesario (a fauna útil pode axudar, e elimínase ca maioría dos insecticidas). Ademais, teñan en conta que moitos dos produtos dispoñibles no mercado diríxense ao control dunha/s fase/s concreta/s de desenvolvemento, polo que só terán eficacia aplicándoos no momento oportuno. Por iso, unha recomendación de tratamento xeneralizada non sempre é xustificable para todas as situacións, e é máis aconsellable facer recontos nos acios para ver se se supera o limiar de intervención: 3-5% de acios con ovos ou penetracións en variedades sensibles á podre e 5-8% no resto de casos
Cicadélidos
As nosas parcelas de seguimento, e tamén as outras que revisamos de xeito aleatorio, presentan poboacións baixas destes insectos. Ben é certo que na actualidade atopamos ninfas nos recontos que facemos en todas as fincas, pero aínda están lonxe dos limiares de tratamento. Tampouco atopamos de momento as primeiras ninfas de Scaphoideus titanus nin recollemos os primeiros adultos. Iso si, co incremento das temperaturas que se prevé para a metade da semana próxima probablemente haxa maior número de capturas e mesmo de ninfas nas follas.
Como xa dixemos noutra ocasión, NON DEBEN CONFUNDIR CERTOS SÍNTOMAS DEBIDOS A CAUSAS CLIMÁTICAS OU OUTRAS CON SÍNTOMAS DE CICADÉLIDOS. Sabemos que non é específica a sintomatoloxía destes insectos, e que si asemella á que referimos, pero agora, e máis se para a semana aumentan as temperaturas, aparece habitualmente nas viñas aínda que apenas teñan cicadélidos
Ácaros
Apenas se incrementou o número de follas afectadas por acariose na finca do Rosal onde a semana pasada referiramos a súa detección. Tampouco os observamos noutras fincas. Pola súa banda, continúan aparecendo novos síntomas de erinose de verán, aínda que con menos intensidade que na campaña pasada.
Outros
Se realmente se produce unha melloría notoria do tempo a partir da metade da semana, continuarán aparecendo plantas con síntomas de alteracións da madeira, serán máis evidentes os xa existentes, haberá máis follas (primeiro da base dos pampos) amarelando (e secando nas marxes) e tamén haberá acios con golpe de sol nas partes onde se teñan feito esfollados intensos e non moderados.
MACEIRA e PEREIRA
Moteado
Atopamos novos síntomas esta semana nalgunhas plantas. En xeral afectaban só ás follas, polo que imos esperar antes de aplicar un tratamento pola previsión de tempo seco e soleado, que non favorece ao fungo, que hai para a próxima semana.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
Esta semana alcanzouse ou superouse o limiar de tratamento en todas as trampas que están situadas na contorna de Pontevedra, pero non así en Soutomaior. De todos xeitos non atopamos novas penetracións das eirugas. As nosas fincas de seguimento non reciben tratamentos para ver a evolución natural da praga, pero lembren que o único xeito de evitar danos á froita é manter a protección das plantas.
Araña vermella
MARMELEIRO
Entomosporium maculatum
Nas árbores con presencia de síntomas desde hai tempo están a aparecer novas manchas e tamén está empezando a notarse defoliación. Debido a que aínda queda tempo para a recollida dos froitos nos casos nos que se observen estas situacións haberá que incrementar a vixilancia, aínda que se realmente ven o tempo seco para a segunda metade da semana o nivel de risco diminuirá.
BUXO
Cydalima perspectalis
Do mesmo xeito que sucedeu nos dous últimos anos por estas datas, cada vez son máis notorios os síntomas debidos á alimentación das eirugas desta bolboreta, que neste momento son xa dos últimos estados e polo tanto máis voraces. Lembren que para evitar defoliacións intensas é necesario tratalas, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras.