INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 AGOSTO 2018
VIÑA
A climatoloxía estable en xeral desta semana, e as temperaturas tan altas que volvemos ter, contribuíron a que o pintado vaia xeneralizándose en todas as comarcas. Con todo, se ben nalgunhas zonas xa hai fincas con plantas adiantadas cuxos acios empezan a ter a característica cor dourada da maduración nos acios de Albariño, esta non é a situación máis xeral, e si a existencia de acios que aínda non iniciaron o pintado (os menos, e sempre falando de Albariño) coa maioría xa neste estado. Outras variedades que hai nalgunhas das fincas que nós revisamos están en xeral máis atrasadas. En todo caso, a modo de curiosidade recollemos nesta revisión grans de Albariño nalgunhas das nosas parcelas de seguimento, e o grao alcohólico está entre 5 e 6,5. Por todo isto, e sempre tendo en conta que as previsións poden variar segundo veña a climatoloxía, estimamos que a vendima non se iniciará ata a terceira ou última semana de setembro, polo que aínda hai que seguir pendentes da evolución das viñas e probablemente haberá que dar algún tratamento máis antes de recoller a uva.
Mildio
Ao final da semana anterior (e mesmo tamén localmente o luns día 13) houbo un lixeiro empeoramento do tempo, e ata tivemos unha pequena precipitación nalgunhas zonas. Non obstante, desde ese momento volveu a situación anticiclónica e tamén as temperaturas moi elevadas, con máximas por riba dos 30ºC durante varias horas, e práctica ausencia de humidade foliar. Nestes momentos, ao atoparse as viñas no inicio do pintado, xa non se espera que o fungo afecte aos acios (e os que están danados empezan a secar) pero aínda pode afectar a follas e pampos. Neste sentido, nas nosas parcelas de seguimento observamos dúas situacións: ausencia total de síntomas novos e secado das manchas antigas aínda superándose amplamente o período de protección teórico do último tratamento (máis dun mes), e presencia de manchas con frutificación nos gromos terminais e manchas vellas con zona de avance. Con todo, aínda sabendo que esteticamente non é o máis agradable, este ano hai suficiente densidade foliar como para garantir a boa maduración dos acios.
Segundo as previsións meteorolóxicas consultadas, nos próximos días permanecerá o tempo seco, as temperaturas máximas estarán novamente moi altas (mesmo superarán os 35º) e haberá ventos de compoñente leste, polo tanto secos. Así, non será necesario en xeral aplicar ningún tratamento pero si, e isto volve ter unha importancia crucial, as podas en verde para eliminar os pampos que volven dificultar a ventilación dos acios.
Oídio
As condicións climáticas desta semana foron bastante favorables ao fungo, especialmente en zonas onde houbo néboas, e de feito nas plantas testemuña das parcelas máis sensibles da nosa rede de seguimento observamos maior presencia do patóxeno nas follas. Con todo, de momento os acios "rebuscos" aínda están bastante sans. A estas alturas da campaña consideramos que esta enfermidade xa non vai orixinar problemas pero en todo caso recoméndase manter a vixilancia nas parcelas onde se rexistraron infeccións e nas especialmente susceptibles. Nestas fincas cobrarán aínda maior importancia as labores de control da vexetación que impide a boa aireación da viña.
Botrite
Como xa temos dito, a partir de agora hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno en acios con feridas e/ou de variedades sensibles polo incremento de azucres na uva. Aínda así, nesta semana non vimos síntomas en Albariño nas fincas que revisamos, salvo naquela do Rosal que tivera un forte ataque de mildio e bastantes acios con penetracións de couza. Nesta finca, as zonas secas dos acios están cubertas do micelio deste fungo e doutros patóxenos secundarios.
Canto ás variedades máis sensibles, unicamente atopamos presencia do fungo nun acio de Loureira que ten algún gran con perforación da eiruga da couza. Segundo as previsións meteorolóxicas para a próxima semana espérase que continúe o tempo seco e caloroso, co que non será necesario tratar ao non haber condicións favorables. Con todo, aínda poden producirse danos se se rexistra un cambio nas condicións ambientais, o que obriga a manter a vixilancia.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Das trampas que temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento, houbo menos capturas que a semana anterior nas de Vide e A Modia, e incrementouse a cifra de machos recollidos no resto, sobre todo na de Pazo (O Rosal). Nas dúas primeiras fincas, ao terse producido o pico de voo, esta sería a semana máis conveniente para un tratamento de superarse o limiar de síntomas nos acios, pero non é así. Nas restantes, esperamos que para a semana baixen as capturas e avaliaremos a situación canto a nivel de penetracións nos grans para tomar unha decisión.
Como xa temos dito, as capturas e os picos de voo poden variar mesmo entre parcelas veciñas (polo que sempre é recomendable instalar trampas), e por iso facer recomendacións xerais é difícil (e non serían reais). En todo caso, lembren que os limiares de tratamento están en 3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles. Facendo estes recontos e tratando cun insecticida que non sexa especificamente dos que afectan á fisioloxía ou comportamento da praga (consulten cos técnicos) aínda poden ter bos resultados.
Cicadélidos
Seguimos con poucas capturas de adultos nas trampas das nosas parcelas de seguimento, onde pola contra si se incrementou o número de adultos en voo que se posaban no envés das follas vellas cando faciamos a revisión.
Pola súa banda, nos recontos de follas ao azar vimos algunha ninfa máis de Empoasca vitis, sobre todo nunha das nosas parcelas de seguimento do Condado, aínda que sen acadar o limiar de tratamento. Nesa mesma finca observamos algunha folla vella totalmente verde que empezaba a ter parte de necrose marxinal que podía ser debida a estes insectos pero, como sabemos, estas follas teñen menos eficiencia na fotosíntese e ademais este ano hai vexetación dabondo.
Ácaros
Outros
MACEIRA e PEREIRA
Couza da mazá (Cydia pomonella)
Nesta semana deuse a circunstancia de que non tivemos captura algunha nas tres trampas que temos en plantacións da comarca de Pontevedra pero houbo 12 capturas na de Soutomaior. Iso si, nesta finca tampouco vimos perforacións novas, aínda que en varias froitas xa hai podremias (e tamén moitas mazás no solo que, lembren, deben ser retiradas).
BUXO
Cydalima perspectalis
Na revisión desta semana vimos un novo adulto nas sebes de buxo de Areeiro e outro no solo lindeiro cunha sebe en Soutomaior. No resto de zonas non observamos adultos. Ademais, en Areeiro xa se observan postas, e algunhas delas xa eclosionaron aínda que non vimos as eirugas. Permanecer alertas, porque sabemos que a voracidade das eirugas desta especie é alta, e un descoido nas revisións pode levar a unha defoliación das plantas.