INFORMACIÓN FITOSANITARIA 14 SETEMBRO 2018

Debido a que estamos en época de vendima, damos por concluída a emisión da información fitosanitaria semanal pola presente campaña. Non obstante, e como sempre facemos, cando se dea unha incidencia que deba ser destacada, ou cando sexa recomendable algunha actuación relacionada coa sanidade dos cultivos, emitirémola.

Como todos os anos queremos expresar o noso agradecemento a aqueles propietarios que nos ofreceron as súas parcelas para facer posible esta información. Tamén a aqueles novos propietarios que xa nos solicitaron incorporar as súas parcelas para a próxima campaña. Finalmente, agradecemos a colaboración daqueles técnicos que nos teñen proporcionado as súas observacións, e que polo tanto contribuíron a contrastar ou confirmar o observado por nós.

VIÑA

Estado fenolóxico: N [89 da codificación BBCH]

Como era previsible á vista das condicións climáticas da semana que transcorreu, nalgunhas fincas xa empezou a vendima, e nas demais comezará nos próximos días, aínda que seguirá habendo parcelas máis tardías onde haberá que esperar incluso ata a última semana de setembro. Na práctica totalidade de viñas a situación fitosanitaria en pre vendima é moi boa pola ausencia de botrite debido as condicións climáticas que se rexistran desde hai tempo. A continuación resumimos a situación observada na visita desta semana.

Mildio

O tempo seco e as temperaturas elevadas destes días non favoreceron a aparición de síntomas nas plantas, e de feito só observamos algunhas manchas de aceite de recente aparición sobre follas tenras e pampos dalgunhas plantas testemuña. Finalmente, a estabilidade climática destes días freou a aparición de síntomas a consecuencia das precipitacións (escasas) da semana anterior.

20180912_Novas manchas de mildio en folla planta testemuña20180912_Mildio antigo en follas altas parra

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian, a día de hoxe, certa precipitación entre martes e xoves segundo a axencia, e nas previsións a máis longo prazo esperan novas choivas para diferentes días da última semana do mes. En calquera caso, mesmo nas viñas máis tardías non se esperan danos, xa que os acios xa hai tempo que non son sensibles ao patóxeno e, aínda aparecendo síntomas nos órganos máis tenros, a vexetación deste ano nas viñas é máis que suficiente para garantir a maduración.

Oídio

Volvemos notar un aumento de follas co micelio do fungo en viñas de todas as comarcas. Porén, os rebuscos están en xeral sas, e a presencia do fungo nos afectados é reducida en xeral.

20180912_Novos síntomas oidio en folla20180821_Oidio en rebusco

Botrite e podremia aceda

Unicamente vimos lixeiras trazas de botrite en grans moi illados. A práctica ausencia desta enfermidade a finais de campaña débese, como xa mencionamos anteriormente, á estabilidade climática que se está rexistrando e que, en xeral, parece que se vai manter nos próximos días (salvo os episodios de precipitacións, en principio lixeiras, que se darán algunhas xornadas segundo as previsións actuais). Por este motivo, xa non se esperan danos de importancia.

20180912_Bo estado sanitario xeral en Albariño20180912_Bo estado sanitario xeral en Treixadura

Por outra banda, nesta semana observamos por primeira vez na campaña, e só nalgunhas fincas, acios afectados de podremia aceda, enfermidade que fai que os acios presenten olor a vinagre, que a polpa da uva se descompoña e que haxa moscas das froitas nos arredores. En todo caso, tamén polas condicións ambientais que se están a dar, a súa incidencia é reducida.

20180912_Sintomas de botrite e podre acedaMosca do vinagre en trampa amarelaRacimo con podredumbre ácida 4sept2014

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Como sabemos, nas trampas das nosas parcelas de seguimento non capturamos nesta campaña ningún macho de Eupoecilia ambiguella. Pola contra, todos os danos causados por couzas debéronse a Lobesia botrana, como é habitual na nosa zona. Esta semana tivemos en xeral poucas capturas (non superaron os 20 individuos/trampa e o máis frecuente foi entre 2 e 10) pero si en dúas fincas do Salnés observamos un número elevado de postas (moi superior ao limiar de tolerancia), que non só afectaban aos acios en maduración senón tamén aos rebuscos. Aínda que parte deses ovos poden non ser viables, nunha finca na que a vendima non está prevista ata a última semana de setembro, recomendamos que se aplicase un tratamento cun insecticida biolóxico (3 días de prazo de seguridade)

Postas de Lobesia en rebusco20180912_Postas de Lobesia en acio xa afectado20180912_Buraco de penetracion de couza en acio en maduración

Cicadélidos

Do mesmo xeito que en toda a campaña, as capturas de cicadélidos Empoasca vitis e Zygina rhamni nas trampas mantivéronse en niveis bastante baixos nas nosas parcelas de seguimento, aínda que aumentaron lixeiramente fronte á revisión anterior. Pola súa parte, seguimos sen recoller os primeiros adultos de Scaphoideus titanus. Canto á presencia de ninfas nos recontos ás follas, foi moi baixa en todas as fincas que visitamos.

20180912_Vista parcial de capturas sobre todo Zygina na campaña20180912_Adulto de Empoasca en acio Albariño

Ácaros

Esta campaña practicamente non se observou máis que síntomas do ácaro causante da erinose, que se mantén en niveis baixos.

20180822_Erinose en planta novaNalgunha finca se incrementou incidencia de erinoseSíntomas de erinosis de generaciones estivales

Outros

A estas alturas da campaña sabemos que en case todas as fincas hai síntomas de alteracións de madeira, de golpes de sol, de paxaros e vespas, e tamén nalgunhas (especialmente naquelas con solos menos profundos e areosos) síntomas de seca e/ou carencias.

Altas temperaturas síntomas maderaMostras de Treixadura cos efectos da avespa asiática20180912_ Síntoma de carencia a finais de campaña

 

BUXO

Cydalima perspectalis

Segundo as nosas observacións desta semana, nestes momentos hai poucas eirugas e son de tamaño aínda reducido, o que da síntomas máis ou menos iniciais nas plantas. Sen embargo, seguimos a recibir moitas consultas acerca de como actuar fronte esta praga. É importante comprobar se hai eirugas nas sebes (revisando as plantas para observar síntomas nas follas máis novas e abrindo os niños que fan coas follas) antes de aplicar un tratamento, pois moitas veces o que se observan son síntomas antigos, dunha xeración anterior.

Brote boj con daño de C. perspectalis20180912_Sintomas diferentes da bolboreta do buxo21xuñ17_Aparte dos sintomas son visibles excrementos eirugas Cydalima