A estación > Áreas de traballo

Contido web

Áreas de traballo

Somos un centro dependente da Deputación de Pontevedra dedicado á investigación práctica e á análise e diagnóstico fitopatolóxico e edafolóxico no ámbito agrícola e forestal. Ao mesmo tempo, traballamos na conservación, introdución e propagación de especies froiteiras e ornamentais para valorizar os produtos que se obteñen delas.

O coñecemento e recoñecemento da área onde vive unha persoa incrementa o seu compromiso co coidado do seu territorio —cidade, parroquia ou aldea—, faina sentirse máis identificada coa sociedade e que participe máis da cultura e do desenvolvemento da riqueza, tratando de mellorar o benestar común. Por iso, desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) estudamos e traballamos en protexer os cultivos e o noso patrimonio verde e tentamos que toda a cidadanía comparta as vantaxes que nos achega social, económica e animicamente.

  Fitopatoloxía

Esta área centra a súa actividade en dúas liñas fundamentais: por unha banda, no diagnóstico fitopatolóxico e, por outra, na investigación, abranguendo artrópodos, nematodos, bacterias, virus e fungos.

O traballo que se desempeña está orientado ao ámbito agrícola, forestal e ornamental. No primeiro deles, fundamentalmente en fitopatoloxía da vide e en horticultura. No ámbito forestal, en fitopatoloxía das seguintes especies: Pinus radiata, Pinus pinaster, Pseudotsuga menziesii, Castanea sativa, Eucalyptus globulus e Quercus robur; e no ornamental, sobre todo en especies acidófilas.

Fungos

En Areeiro realízanse as análises fúnxicas pertinentes de todas as mostras recibidas, tanto as enviadas por particulares e servizos oficiais coma as pertencentes a convenios e a proxectos con distintas entidades, públicas e privadas, de dentro e de fóra de Galicia. Ademais destes labores de diagnóstico, tamén se levan a cabo traballos de investigación encadrados dentro de proxectos ou convenios.

Analízanse cultivos agrícolas, ornamentais e forestais, e faise especial fincapé naqueles que presentan maior relevancia en Galicia, coma a vide, o kiwi, o castiñeiro, a camelia, diversas hortícolas ou especies de piñeiro e eucalipto.

A identificación dos fungos presentes nas mostras analizadas baséase en laboriosas determinacións morfolóxicas que se apoian, naqueles casos que sexa necesario ou nos que a lexislación así o esixa, nas diferentes técnicas moleculares desenvolvidas para tal fin na sección de bioloxía molecular. Tamén cómpre destacar as exhaustivas mostraxes en Galicia para determinar a presenza e a extensión, no seu caso, de certos patóxenos de corentena, que resultan importantes por estar sometidos a unha regulación especial tanto pola lexislación española coma pola europea.

Bacterias

Nesta unidade realízanse traballos encamiñados ao diagnóstico e á detección de bacterias que lles causan danos a especies agrícolas e forestais.
Entre outras, fanse análises oficiais das enfermidades de corentena, entre as que destacamos análises de sementes de feixón (Phaseolus vulgaris) para detectar a enfermidade causada pola bacteria Curtobacterium flaccumfaciens pv. Flaccumfaciens ou análises de cultivos de viveiros e invernadoiros de produción de hortícolas, coma a tomateira, para detectar Clavibacter michiganensis pv. michiganensis, responsable do cancro bacteriano e doutras enfermidades importantes causadas por bacterias coma Ralstonia solanacearum, Pseudomonas syringae e P. corrugata. Nas froiteiras e ornamentais inspecciónanse, principalmente, as especies susceptibles para detectar síntomas do lume bacteriano, causado por Erwinia amylovora.

Ademais, lévanse a cabo tarefas de control en viveiros de vide para a produción de plantas nai libres de Xylophilus ampelinus, causante da necrose bacteriana, e de Xylella fastidiosa.

Tamén realízanse prospeccións nas plantacións de kiwi da nosa comunidade para detectar as bacterias causantes da caída do botón floral, Pseudomonas syringae e Pseudomonas viridiflava, xa que, dependendo da súa incidencia, poden causar perdas importantes na produción final.

Artrópodos

Nesta unidade desenvólvense actividades que, basicamente, están enfocadas nos seguintes campos de traballo:

  • Diagnóstico dos insectos e ácaros e dos seus danos, procedentes das mostras recibidas de particulares, servizos oficiais ou pertencentes a convenios e a proxectos establecidos pola EFA con organismos de dentro e de fóra de Galicia. Ademais, tamén se levan a cabo traballos de investigación como parte daqueles proxectos ou convenios.
  • Realización de prospeccións destinadas á detección de artrópodos relevantes, moitos de declaración obrigatoria na Unión Europea, sobre cultivos agrícolas, forestais e ornamentais.
  • Realización de ensaios de campo e de laboratorio con produtos fitosanitarios, tanto para avaliar a súa eficacia fronte a patóxenos e pragas coma para determinar os seus posibles efectos secundarios sobre insectos ou ácaros útiles.
  • Control biolóxico e integrado, con traballos de campo e laboratorio destinados á optimización do control fronte a pragas que se atopan nos cultivos e especies vexetais en xeral máis importantes na provincia de Pontevedra. No laboratorio realízase a cría experimental dalgúns artrópodos beneficiosos para utilizalos no control dos distintos organismos que lles afectan aos nosos cultivos. Unha vez que se pon a punto a técnica pertinente no laboratorio, transfíreselles a tecnoloxía ás empresas privadas.
  • Dentro desta unidade estanse a realizar estudos biomecánicos ou de perigosidade do arboredo urbano mediante análises visuais e instrumentais, o que abre unha nova vía de traballo na EFA. Finalmente, esta unidade é a encargada de levar a cabo os seguimentos e a elaboración dos avisos fitosanitarios, realizados semanalmente para informar as e os agricultores sobre o estado fitosanitario dos nosos cultivos a nivel provincial.

Virus

Nesta unidade realízanse determinacións das enfermidades causadas por virus nos nosos cultivos. Debido ao tamaño ultramicroscópico destes organismos, as técnicas de diagnóstico que se aplican son serolóxicas e moleculares.

As análises efectúanse a partir do material vexetal das mostras que se reciben na EFA. En especial, destacaremos as realizadas aos organismos patóxenos que teñen o seu control regulado por lei:

  • Mostras das inspeccións oficiais do control de virus en viveiros de plantas hortícolas para detectar diferentes enfermidades provocadas por Tomato spotted wilt tospovirus (TSWV), Tomato yellow leaf curl begomovirus (TYLCV), Pepino mosaic Virus (PepMV) e outras viroses non incluídas dentro desta categoría, pero que teñen igualmente importancia dentro destes cultivos.
  • No cultivo da viña realízanse análises dos viveiros de plantas nai e das plantacións establecidas para detectar o Grapevine fanleaf virus (GFLV), Grapevine leafroll-associated virus (GLRV 1, 2 e 3), Grapevine fleck virus (GFKV) e o Arabis mosaic virus (ArMV).
  • Detección de viroses graves (PVY e PLRV) en plantacións de pataca de semente seleccionada.
  • Control de viroses en froiteiras, en concreto o virus Plum pox virus (PPV), causante da sharka.

Nematodos

Nesta unidade realízanse diagnósticos e controis dos nematodos fitopatóxenos que ocasionan danos nos nosos cultivos. Especialmente, aqueles considerados de corentena, coma Globodera rostochiensis e G. pallida, nematodos do quiste da pataca, detectada esta última por primeira vez en Galicia en 2007, e Bursaphelenchus xylophilus, chamado nematodo do piñeiro, que desde a súa detección en Portugal en 1999 se realizan prospeccións anuais nas masas de coníferas e en serradoiros e industrias da madeira para detectar a súa presenza na nosa comunidade.

Nese sentido destacaremos os nematodos que causan problemas nos cultivos baixo abrigo, nos cales o xénero Meloidogyne é o máis importante.
No cultivo da vide establécense medidas de control tanto nos viveiros da nosa comunidade, para producir plantas nai e variedades libres dos nematodos transmisores de virus dos xéneros Xiphinema e Longidorus, coma tamén nas plantacións establecidas, para evitar que estes se propaguen.

Nesta unidade tamén se realizan estudos de biodiversidade dos nematodos entomopatóxenos (NEP) presentes nos solos galegos, que se utilizan como axentes de control biolóxico fronte a pragas de insectos que ocasionan importantes danos nos cultivos galegos, coma Tipula paludosa Meigen, Otiorhynchus sulcatus Fabricius, Curculio elephas Gyll., Cydia splendana Hby Cydia fagiglandana Zel.

  Bioloxía Molecular

A detección e a identificación de fungos, nematodos, bacterias e virus lévase a cabo a partir de estruturas do patóxeno ou de material vexetal sintomático ou asintomático de especies agrícolas, ornamentais e forestais. Sérvelle de complemento á identificación levada a cabo por outras técnicas no resto dos laboratorios.

Doutra banda, púxose en marcha o servizo de secuenciación automática de ácidos nucleicos, que permite secuenciar directamente fragmentos de reacción en cadea da polimerase (PCR, polas súas siglas en inglés), que permite identificar moitos microorganismos, cuxos diagnósticos resultaban complicados ou dubidosos por outras técnicas.

Paralelamente ao traballo de diagnóstico, realízanse proxectos de investigación aplicada co obxectivo de coñecer a incidencia, distribución e bioloxía de diversos patóxenos, as características das enfermidades que causan e os métodos máis adecuados para minimizar ou reducir de forma efectiva os danos que ocasionan.

Estúdanse, sobre todo, os fungos do xénero Armillaria, xa que causan podremia branca radicular en especies agrícolas e forestais de grande importancia económica en Galicia. Outra liña de investigación céntrase en detectar e identificar o xénero Mycosphaerella, causante dunha enfermidade foliar moi estendida nas plantacións galegas de eucalipto. Así mesmo, esta unidade realiza proxectos de investigación para desenvolver métodos de control de Cryphonectria parasitica, fungo responsable do cancro do castiñeiro, o cal ocasiona enormes perdas nos soutos do noroeste de España.

  Fruticultura e Ornamentais

Esta sección asesora e aconsella as empresas, as e os agricultores e os particulares que o solicitan sobre diferentes aspectos do cultivo de especies vexetais, tanto froiteiras e hortícolas coma ornamentais.

Nas cinco hectáreas da Estación Fitopatolóxica Areeiro considerouse de interese implantar novos cultivos para a nosa zona ou novas variedades produtoras que puidesen ser, nun momento dado, complementarias ás tradicionais. Deste xeito, establecéronse plantacións experimentais de diferentes froiteiras e xurdiron progresivamente as plantacións de kiwi, aguacate ou feixoa, guaiabo ou kiwiño e outras máis propias de climas mornos (framboesa, arando, grosella...). Á marxe destas zonas de experimentación con especies foráneas, tamén as froiteiras tradicionais teñen cabida no predio, representadas por maceiras, mirabeis ou cerdeiras, entre outras.

A maiores da recuperación das antigas zonas axardinadas, tamén se establecen outras novas nas que podemos admirar, ademais de diferentes árbores e arbustos, a meirande parte das especies e cultivares de camelia que forman a colección da Deputación de Pontevedra, que constitúe un referente mundial.

Ornamentais

Este equipo estuda as características de moitas das especies presentes nos nosos xardíns e a súa adaptación en Galicia, e contribúe a mellorar os métodos de cultivo e a súa produción nos viveiros e tamén a coñecer e a controlar os problemas fitosanitarios. Desde esta unidade inténtase catalogar e facer os planos dos diversos xardíns da nosa provincia para dar a coñecer o seu enorme valor como patrimonio vexetal en colaboración coas e cos propietarios na súa difusión e conservación.

Das plantas ornamentais que crecen en Galicia, a camelia, coñecida como a flor das Rías Baixas e de Galicia, é a que maior relevancia ten e está presente en todos os xardíns e predios, tanto públicos coma privados, de toda a xeografía galega. Neste centro realízanse estudos sobre a adaptación e a fenoloxía das diferentes especies de camelia (orixinarias do sueste asiático) ás condicións edafoclimáticas de Galicia. Desde as nosas instalacións mantense e increméntase cada ano a colección viva de camelias da Deputación de Pontevedra, que ata o momento conta con 40 especies e 800 cultivares distribuídos nos xardíns do Pazo provincial, da Estación Fitopatolóxica Areeiro e do castelo de Soutomaior, xunto aos exemplares do pazo de Gandarón (Misión Biolóxica de Galicia) e do pazo de Lourizán.

Realízanse prospeccións polos xardíns históricos de Galicia, tanto públicos coma privados, para recuperar cultivares antigos de camelia. Forma parte do Grupo Internacional de Traballo de Conservación e de Identificación de Camelias Históricas da Sociedade Internacional da Camelia, que ten como obxectivo rexistrar, identificar e conservar os exemplares de camelia anteriores ao século xx de todo o mundo.

A aplicación de descritores morfobotánicos e marcadores moleculares (SSR) permite a caracterización e diferenciación varietal de especies de camelia. Na unidade de Ornamentais disponse dun servizo público de caracterización, identificación e rexistro de cultivares de camelia no Rexistro Internacional de Camelia mediante estas técnicas.

Ademais, actualmente estase a estudar a viabilidade e a rendibilidade da produción de té e de aceite de camelia en Galicia.

Fentos autóctonos e ornamentais

Os fentos autóctonos teñen especial interese por tratarse de especies en perigo de extinción ao vivir nun hábitat moi afectado polo ser humano; asegurar a súa presenza é importante á hora de recuperar as ribeiras. En Areeiro mantéñense bancos de xermoplasma destes fentos autóctonos e doutras especies exóticas, coma os fentos arbóreos Cyathea cooperi e Dicksonia antartica, presentes nalgúns xardíns da nosa provincia.

A propagación destas especies é difícil e pouco viable por métodos tradicionais, por iso púxose a punto unha técnica para a xerminación de esporas in vitro e posterior transplante a cámaras de cultivo con condicións controladas de temperatura e humidade ata acadar un tamaño adecuado para o seu transplante ao viveiro.

Fruticultura

Nesta unidade trabállase no estudo do comportamento agronómico de especies de nova introdución e nos problemas que van xurdindo a medida que os cultivos e o mercado se adaptan. Estes estudos non só se realizan na propia estación, senón tamén en parcelas das diversas entidades colaboradoras distribuídas pola nosa provincia. Levamos a cabo o seguimento anual dos estados fenolóxicos, así como dos parámetros de produción e calidade de diversas especies, centrándonos actualmente en kiwi, kiwiño, feixoa, mirabel etc. Despois de realizar durante anos estudos sobre a adaptación ás condicións edafoclimáticas de Galicia de numerosas froiteiras introducidas doutras latitudes, mantéñense bancos de xermoplasma de especies coma Rubus sp., Feijoa sellowiana, Vaccinium sp., Pasiflora edulis, Cucumis metuliferus, Prunus insititia, Actinidia arguta, Persea americana ou Psidium cattleianum.

En colaboración con algunhas empresas do sector do kiwi, faise un seguimento da fenoloxía de diversas plantacións de Actinidia deliciosa co obxecto de determinar o seu ciclo vexetativo na nosa provincia e o momento óptimo de aplicación de fertilizantes ou produtos fitosanitarios e reguladores, poda, anelado, apoio da polinización, rareo etc. Durante anos, os estudos realizados centráronse en mellorar o método de propagación, o sistema de poda, de fertilización e nos problemas fitosanitarios. Actualmente fanse tamén estudos para mellorar o tamaño do froito e o número de froitos por planta, coa aplicación de diversas substancias para mellorar o calibre, con distintas técnicas de cultivo (anelado de pólas) e coa achega de pole por diferentes métodos. Outro dos obxectivos do centro é mellorar as propiedades organolépticas relacionadas coa textura e coa dozura do froito maduro, polo que no noso centro se estuda a evolución dos parámetros organolépticos durante o ciclo vexetativo. Analízase a materia seca, o amidón, os sólidos solubles (ºBrix) e a acidez desde o callado ata a comercialización dos froitos.

Outra das froitas exóticas introducidas en Galicia é a Actinida arguta, á que comezamos a chamar kiwiño por ser de tamaño moito máis pequeno e máis doce ca o kiwi, e que se popularizou con este nome entre a poboación galega.

Desde 1987 tamén se realizan estudos de adaptación de pequenos froitos, polo que contamos con informes sobre o comportamento, a produción e a fenoloxía anual de diversas variedades de grosella, arando, framboesa e amora, como alternativa rendible ás explotacións agrarias tradicionais de montaña.

Ademais, téntaselle achegar estes froitos á poboación mediante catas e exposicións. Cómpre destacar o labor realizado nas escolas, ás que se lles leva parte da produción de froito do predio para que as e os estudantes poidan degustala. Tamén destaca a colaboración que se mantén con outras administracións e profesionais para implantar o consumo de froitas entre a poboación.

Propagación e reprodución de plantas

Na EFA póñense a punto métodos de reprodución e de propagación de todo tipo de especies vexetais.

Na actualidade contamos con invernadoiros para a propagación por estaca e de cámaras de cultivo e aclimatación para producir plantas de interese para a provincia e para incorporar ás diferentes liñas de estudo de danos e loita contra axentes patóxenos.

A propagación dalgúns fentos autóctonos e a dos fentos arbóreos das especies Cyathea cooperi e Dicksonia antarctica é difícil e pouco viable por métodos tradicionais; por iso, ponse a punto unha técnica para a xerminación de esporas, formación do prótalo e do esporofito in vitro e posterior transplante a cámaras de cultivo con condicións controladas de temperatura e humidade ata acadar un tamaño adecuado para o seu transplante ao viveiro. Está técnica transferíuselle con éxito ao sector privado, coa que se produce unha media de 10.000 exemplares por ano para a venda.
Desde esta unidade préstaselles colaboración e subminístraselles planta ás outras seccións e laboratorios da EFA para desenvolver as súas experiencias.

  Edafoloxía

A tarefa principal nesta área é a análise química da fertilidade dos solos agrícolas e o correspondente asesoramento para adaptar as súas características ás necesidades do cultivo a petición das e dos agricultores, cooperativas e usuarios en xeral. En resumo, trátase de efectuar un estudo-diagnóstico de cada solo e propoñer medidas para corrixilo.

Trabállase, por outra banda, en proxectos de investigación aplicada á agricultura; en concreto, no estudo da nutrición mineral dos cultivos (fundamentalmente kiwi e viña). En segundo lugar, e en relación coa necesidade de propoñer medidas para a corrección, efectúanse diversas experiencias controladas de resposta dos cultivos a diferentes formas de fertilización orgánica ou mineral, así como a distintas doses de cal tanto en campo coma en maceta. Para todo isto, no laboratorio realízanse análises químicas foliares e de metais pesados en materiais orgánicos e solos.

Diagnóstico de fertilidade

Ofréceselles ás e aos agricultores e ao persoal técnico de explotacións agrarias un servizo de diagnóstico nutricional dos cultivos, baseado fundamentalmente na análise química do solo —proba obxectiva primaria—, pero acudindo tamén ás medidas complementarias de diagnóstico: análise foliar, observación dos síntomas, exame dos solos e coñecemento da súa tipoloxía. Con todo, asesórase en termos da fertilización ou emendas que se estiman necesarias para adecuar o solo ás esixencias de cada un dos cultivos. En relación con esta actividade, realízanse anualmente arredor de 2.000 análises básicas de solos, ademais das probas especiais que se consideran necesarias nalgunhas situacións concretas.

Coa análise do laboratorio e toda a información que se solicitou, efectúase unha interpretación dos niveis e tamén se propoñen medidas particulares para a corrección dos solos, ben sexa encalando, ben subministrando fertilización orgánica ou diferentes fórmulas de fertilizantes minerais. Esta parte do informe é subxectiva, é dicir, realízase unha proposta técnica tendo presente que existen diversas alternativas de fertilización ou corrección dos solos. A análise química é unha peza fundamental para o diagnóstico, pero non a única; en función do problema puntual recórrese en ocasións ao diagnóstico visual e á análise foliar.

Ao diagnóstico de solos acoden fundamentalmente usuarias e usuarios de Pontevedra, pero diversas produtoras e produtores do resto da comunidade tamén demandan o servizo, que se lles ofrece se a demanda interna está cuberta. O maior número de solos analizados destínase a viña e a froiteiras en xeral, pero tamén se pide consello para pradarías e millo forraxeiro, diversos cultivos de horta e invernadoiro etc.

(Vid. no capítulo de análises edafolóxicas as correspondentes normas para recoller mostras, os datos básicos dunha análise e o resumo das técnicas analíticas empregadas).

Actividades de investigación aplicada

Os estudos da nutrición mineral da viña e do kiwi realízanse en colaboración con cooperativas produtoras e empresas do sector, respectivamente. Así, periodicamente efectúanse estudos exploratorios da composición normal da viña no callado e no pintado en diferentes condicións agroambientais; con este obxectivo realizáronse en diferentes anos controis en diversos predios do Salnés, O Rosal, O Condado e tamén en Ribadavia.

Por outra banda, estudáronse diferentes fórmulas de fertilización en plantacións de kiwi durante seis anos, segundo un proxecto de investigación proposto por Kiwi-España. Posteriormente, iniciouse un estudo para mellorar a calidade do froito do kiwi a través, por exemplo, do manexo da fertilización, nun proxecto coordinado con Kiwi-Ibérica e cunha duración prevista de tres anos.

As experiencias controladas de fertilización lévanse a cabo fundamentalmente nas instalacións propias. Podemos destacar a disposición de 108 parcelas de catro metros cadrados para estudar en campo a resposta á aplicación de diferentes cantidades de lodos de depuradora urbana combinadas con calcarias comerciais. Outros ensaios de encalado, con doses crecentes de cal para comprobar a resposta de diferentes solos, efectuáronse nun ambiente máis controlado, en maceta.

Tamén en maceta comparouse o comportamento de dous cultivos tipo —cebada e leituga— e dous solos característicos —natural e agrícola— tras aplicar doses crecentes de lodos para coñecer o valor fertilizante real destes materiais orgánicos. Resulta especialmente relevante estudar o nivel de saturación ou carga máxima que podería recibir o solo, de xeito que se efectuaron ensaios de resposta a doses acumuladas de lodos. Actualmente, pretendemos profundar no estudo do valor fertilizante e ambiental de diferentes materiais orgánicos presentes no mercado.