Análises e Tarifas

Contido web

Análises e Tarifas

En función das necesidades das persoas usuarias, o noso centro realiza diferentes tipos de análises, coma as fitopatolóxicas e edafolóxicas, organolépticas de froitas, de viabilidade de pole, de extracción de aceite de sementes ou de caracterización morfobotánica de cultivares de camelia.

PARA REALIZAR UN DIAGNÓSTICO CORRECTO, A MOSTRA DEBE ESTAR BEN RECOLLIDA E SER REPRESENTATIVA. NINGUNHA ANÁLISE OFRECE INFORMACIÓN VÁLIDA SE A TOMA DE MOSTRAS NON SE REALIZA COIDADOSAMENTE

Descargue  aquí a recomendacións para recoller e enviar correctamente as mostras

 

LEMBRE que a mostra debe vir acompañada de toda a información que poida facilitar o diagnóstico e a análise. Para iso, debe cubrirse a  FOLLA DE DATOS DA MOSTRA, na que se anotarán as características da solicitude, o dano da praga ou da enfermidade, a forma en que se presentou ou como evolucionou no campo, a temperatura, a humidade relativa e as demais condicións de clima no lugar da plantación afectada, as características do solo, as prácticas de cultivo e os diferentes produtos fitosanitarios aplicados.
Cómpre planificar a toma de mostras para que cheguen en días laborables e no menor tempo posible aos laboratorios.

Unha vez cumpridos estes requisitos, envíe as mostras, preferentemente mediante unha empresa de mensaxería e indicando o laboratorio de destino (fitopatoloxía, solos, fruticultura ou ornamentais), a:

Estación Fitopatolóxica Areeiro
Subida  á  Carballeira nº 26
36153 Pontevedra (España)

FOLLA DE DATOS DA MOSTRA

Os resultados enviaranse por correo electrónico ou postal á dirección indicada na folla de datos da mostra.

As análises están suxeitas ás tarifas publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra  (07/11/2018)

Prezo público pola venda de produtos no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra  (15/05/2018)

  FITOPATOLOXÍA

Na actualidade os servizos de análises fitopatolóxicas dispoñibles son:

  • Diagnose fitopatolóxica: fungos, bacterias, fitoplasmas, nematodos e virus
  • Diagnose de artrópodos: insectos, ácaros e miriápodos
  • Diagnose de alteracións debidas a causas abióticas: problemas fisiolóxicos, climáticos etc.

A continuación, refírense unha serie de normas xerais para recoller e transportar material vexetal, artrópodos, solos, substratos e turbas para a súa posterior análise:

Mostras vexetais:

  • É importante seleccionar os órganos ou as partes da planta que amosen os síntomas característicos en diferentes estados ou graos de desenvolvemento da praga ou da enfermidade.
  • No caso de plantas pequenas ou de cultivos en invernadoiro, recolleranse entre 3 e 5 plantas completas con terrón e terra adherida a el. De tratarse de árbores adultas ou plantacións establecidas, recolleranse mostras de madeira, pólas, raíces, froitos —se procede—, e solo —a unha profundidade de entre 20 e 40 cm—. As mostras de madeira deben ter un diámetro de polo menos 5 cm.
  • Débese revisar a presenza de calquera alteración visible na planta: lesións, bugallas, gretas, tumores, cancros etc. No caso de que se observen, hai que tomar mostras destes.
  • Se existisen cogomelos na base da árbore ou sobre o tronco, recolleranse separadamente e envolveranse en papel de xornal ou similar para trasladalos ao laboratorio.
  • Procurarase non recoller as mostras despois dunha choiva ou dunha rega para evitar a descomposición durante o transporte. As mostras envolveranse en papel de xornal ou similar e introduciranse en bolsas de plástico.
  • Cada mostra debe levar un código que a identifique e a diferencie doutras. Este débese incluír na folla de datos para o envío de mostras.
  • Cómpre que a mostra se envíe o máis rápido posible ao laboratorio nas mellores condicións, xa que o diagnóstico resulta practicamente imposible cando as mostras están murchas ou en avanzado estado de descomposición.

Mostras de solo, substratos ou turba, entras outras, para análise fitopatolóxica

  • Recolleranse aproximadamente 2 kg de terra e introduciranse nunha bolsa plástica debidamente etiquetada cun código diferenciador. Recoméndase refugar os primeiros 10 cm de solo superficial e tomar a mostra entre 20 e 40 cm de profundidade na zona próxima ás raíces da árbore.
  • No caso de cultivos de céspede e praderías, a profundidade de mostraxe recomendada é de 5 a 10 cm.
  • De tratarse dun solo sen cultivar, débese tomar a mostra en 10 puntos equidistantes repartidos pola superficie do terreo e mesturalos para formar a mostra de análise.
  • No caso de sacos de turba ou substratos, recolleranse tres submostras, que se mesturarán.

Mostras de artrópodos

  • Cando se sospeite de ataques de artrópodos, ademais das recomendacións anteriores que sexan aplicables, existen dúas formas principais para recoller e enviar as mostras:
  • Xunto coa planta ou co solo no que se atopa: neste caso, recoller a mostra cos artrópodos e introducila en bolsas ou en follas de papel e posteriormente nunha bolsa de plástico.
  • Separadas da planta ou do solo: neste caso, introducir o exemplar nun recipiente ríxido (de vidro ou plástico), pero se o artrópodo está vivo, convén engadir material vexetal ou substrato para que se alimente.
  • Recoméndase incluír calquera estado de desenvolvemento e en número suficiente, de ser posible.
  • No caso de bolboretas ou avelaíñas, débense colocar dentro dun anaco de cartolina dobrada en forma de triángulo e, á súa vez, dentro dun recipiente pechado.
  • Para evitar confusións todas as mostras deben levar a correspondente identificación, que pode ser un número ou un nome coa súa equivalencia ou explicación na folla de datos para o envío de mostras.
  FRUTICULTURA E ORNAMENTAIS

ANÁLISE DE FROITA

Analízanse os seguintes parámetros de calidade en froita:

  • Determinación do amidón
  • Acidez
  •  Grao Brix + materia seca

Mostras de froita:

  • As mostras teñen que ser representativas da plantación; precisaranse tantas mostras como zonas diferenciadas existan nela.
  • Como mínimo recolleranse tres froitos por mostra para analizar. Evitaranse os froitos que presenten alteracións ou malformacións, así como os laterais no caso de pedúnculos dobres e triplos.
  • As mostras de pequenos froitos (arando, framboesa...) estarán formadas por un número de froitos variable, que en total sume a cantidade mínima de 300 g. No caso da grosella ou da uva, deberanse recoller acios completos.
  • Outras froitas: recolleranse de 3 a 10 froitos en función do seu tamaño. O peso total da mostra deberá ser como mínimo de 300 g.

A mostra deberá enviarse ao laboratorio o máis rápido posible. Conservar en frío. Debido a que algunhas das análises deben realizarse antes dun prazo máximo de 24 horas (peso, tamaño, grao Brix, porcentaxe de materia seca), os venres non se recollerán mostras despois das 10 h da mañá.

 

ANÁLISE DE POLE

Para valorar a calidade de pole realízanse análises de xerminación e de viabilidade. Ademais, en caso de requirilo pódense realizar estudos de fecundación.

Mostras de pole

  • A mostra de pole, de ser posible, enviarase sen restos da flor, nun pequeno recipiente limpo; recollerase preferentemente o mesmo día do envío e conservarase en frío.

 

CARACTERIZACIÓN DE CULTIVARES DE CAMELIA

Pode solicitar a caracterización e identificación de cultivares de Camellia japonica e dos seus híbridos mediante a aplicación de descritores morfobotánicos e marcadores moleculares (SSR).

Mostras para caracterización molecular do cultivar de camelia

  • Enviaranse de dúas a tres follas sas e ben conservadas. Recolleranse follas sas e limpas (sen marcas, danos ou síntomas dalgunha posible enfermidade, praga o fisiopatía)
  • As mostras deben etiquetarse correctamente para evitar confusións.

Mostras para caracterización morfobotánica de cultivares de camelia

Enviaranse dez flores en perfecto estado, ben formadas e completamente ou case completamente abertas, recollidas durante o período de plena floración da planta. No caso de que a planta teña flores de diferentes cores ou formas, deberán enviarse mostras representativas de cada tipo.

  • Enviaranse 10 follas sas e maduras; recollerase a segunda folla do crecemento do ano anterior, contando desde o extremo apical da póla.
  • As mostras deben etiquetarse correctamente para evitar confusións.

 

ACEITE DE CAMELIA

O aceite de camelia obtense pola presión en frío das sementes dalgunhas especies. Posúe unhas características moi parecidas ás do aceite de oliva e utilízase, sobre todo, para elaborar cosméticos ou para aplicar no cabelo. É hidratante, antioxidante e cun alto poder cicatrizante e bactericida.

  • As sementes para a extracción do aceite poderán entregarse ou enviarse á Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) desde o 15 de setembro ata o 1 de febreiro. Non se recollerán fóra dese período. Coas sementes entregarase a folla de datos para o envío de mostras (https://sede.depo.gal/web/public/catalog-detail/135560864)
  • Recollerase un máximo de 10 kg de semente por persoa e ano. Deberán estar desprovistas do froito, limpas, secas e sen restos de follas, pólas ou terra.
  • A extracción do aceite realizarase nun prazo máximo de 3 meses.
  • Con cada lote de aceite extraído entregarase o informe de análise de calidade do produto.
  • A tarifa do servizo pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (do 7 de novembro de 2018, anexo I, punto 2. Outros servizos, apartado F.1.).
  • Unha vez comunicada a dispoñibilidade do aceite extraído á persoa que o entregou, esta disporá dun prazo máximo de 3 meses para recollelo na EFA. En caso de non facelo, o aceite desbotarase e notificaráselle esta circunstancia á persoa interesada.¿

Sementes para a extracción do aceite:

  • A recollida das sementes debe realizarse cando os froitos das camelias estean completamente maduros (a finais de agosto ou en setembro). O momento indicado é cando o froito comeza a gretarse por si mesmo ou está totalmente aberto e amosa as sementes.
  • En caso de recoller os froitos gretados, antes de que abran por completo,  poden deixarse ao sol para que terminen de abrir.
  • Unha vez aberto o froito e liberadas as sementes, estas deben recollerse canto antes e non estar no chan durante moito tempo, xa que se estragan e perden contido en aceite.
  • Unha vez recollidas, deberán manterse en recipientes abertos, nun lugar fresco, ventilado e seco, afastados da luz.
  • As sementes deben estar desprovistas do froito, limpas, secas e sen restos de follas, ramas ou terra.
  • A EFA poderá negarse a recoller as sementes cando veñan excesivamente sucias, con fungos, ocas ou cando non sexan da colleita do ano en curso.
 PRODUTOS

PLANTAS

Como consecuencia da propagación e do mantemento das plantas necesarias para os estudos e os proxectos realizados no centro, cada ano prodúcese un excedente que, para non ser destruído, ponse á disposición do público,  e inclúe algúns exemplares de cultivares de camelia provenientes da colección da Deputación que demandan as e os coleccionistas. Os prezos de venda indícanse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Do mesmo xeito, están dispoñibles algúns exemplares de fentos arbóreos obtidos por cultivo in vitro.

ACEITE DE CAMELIA

Algunhas camelias producen froitos cuxas sementes teñen un alto contido en aceite que pode extraerse por diferentes procesos, coma o prensado en frío, que é o método polo que obtemos un aceite 100 % puro, xa que conserva a súa composición sen ningún aditivo e sen alterar as súas propiedades.  Este pode aplicarse directamente sobre a pel ou utilizarse como base para fabricar cosméticos. En ensaios e proxectos desenvolvidos na Estación Fitopatolóxica Areeiro extraemos o aceite das sementes recollidas en diferentes zonas da provincia para estudar a súa composición química, as súas propiedades e os seus posibles usos. Cando hai excedente, este ponse á venda. Os prezos de venda indícanse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO núm. 93, de 15 de maio de 2018).

 EDAFOLOXÍA: ANÁLISE DE SOLOS E PLANTAS

ANÁLISE DE RUTINA

A mostra deben envialas as persoas que usan o servizo e nunca se insistirá suficientemente na importancia da mostraxe do solo co obxecto de realizar unha análise da súa fertilidade, do cal deberá realizarse un diagnóstico nutricional e a correspondente xestión da fertilización. Deberá prestárselle especial atención a esta tarefa, posto que o solo é un medio heteroxéneo. Especifícase máis detalladamente o esquema de mostraxe en diferentes situacións no anexo 1.

Solos A1. Normas xerais de mostraxe de solos

  • A norma de partida é tomar mostras da capa arable do solo, que é a que recibe a maior parte das emendas ou fertilizantes e, polo tanto, estará máis modificada polos labores previos.
  • Ademais, a terra analizada debe ser representativa do espazo en que se alimentan as principais raíces do correspondente cultivo; en xeral, de 20 a 30 cm superiores do solo: a capa arable.
  • En ocasións, convén tomar mostras de forma separada da capa subsuperficial —entre 30 e 60 cm— para coñecer a aptitude potencial do solo.

Unha das consultas máis frecuentes no noso laboratorio é que cantidade de mostra se necesita para a análise. Serán suficientes de 500 a 1.000 g para realizar todas as probas que se efectúan a un solo. Non obstante, sempre insistimos en que esta mostra para análise proceda dunha cantidade superior, mesturada  a conciencia,  nun contedor limpo. Na táboa detállanse os procedementos analíticos. No anexo 2 recóllese un informe final, que contén datos obxectivos do laboratorio, así como algunhas consideracións subxectivas que se poden deducir dos resultados. 

Solos A2. Informe dunha análise rutineira de solo

DETERMINACIÓNS  INCLUÍDAS NUN INFORME DE FERTILIDADE DE SOLOS (*)

Parámetro

Método de determinación

pH en auga

Relación solo: auga 1:2.5 e lectura en pHmetro aos 10 minutos

pH en KCl 0.1M

Relación solo: auga 1:2.5 e lectura en pHmetro ás 2 horas

Fósforo asimilable Olsen

Desprazamento con NaHCO3 0.5M 2.5:50 e determinación colorimétrica UV-VIS

Materia orgánica

Perda de peso mediante calcinación en forno mufla durante 3 horas a 360 ºC

Calcio e magnesio de cambio

Extracción con NH4Cl e cuantificación mediante espectrofotometría de absorción atómica

Potasio e sodio de cambio

Extracción con NH4Cl e cuantificación mediante espectrofotometría de emisión atómica

Aluminio de cambio

Extracción con KCl 1M e determinación mediante valoración ácido-base

CiCe

Capacidade efectiva de intercambio catiónico  deducida da suma das bases e aluminio de cambio

Conductividade eléctrica

Relación solo: auga 10:50 e lectura en condutímetro

(*) O laboratorio conta cun sistema de xestión da calidade certificado por AENOR, segundo a norma UNE-EN ISO 9001 para todas as determinacións incluídas no informe

Solos A3. Ficha técnica 05/98: A análise de solo como ferramenta de diagnóstico para a fertilización racional


ANÁLISES QUÍMICOS FOLIARES

A composición química das plantas varía ao longo do desenvolvemento do cultivo, de modo que cómpre definir adecuadamente o momento de mostraxe para interpretar se uns determinados contidos dun nutriente son baixos, adecuados ou excesivos. Tamén existen diferenzas en función do tipo de folla recollida (nova, madura ou senescente) e entre diferentes órganos (por exemplo, folla e froito de kiwi) e mesmo entre o limbo e o pecíolo no cultivo da viña.

Por iso, para efectuar as análises químicas dunha planta destinadas a diagnóstico nutricional é aconsellable contactar co laboratorio para coñecer o momento do ciclo vexetativo adecuado para a toma de mostras (floración, callado, pintado...), así como a parte da planta (limbo, pecíolo, planta completa etc.) que debe recollerse para cada cultivo.

A análise foliar completa inclúe a determinación de 10 nutrientes, que diferenciamos a efectos prácticos en tres grupos, nitróxeno, macronutrientes e micronutrientes, para as situacións nas que non é necesario efectuar a análise completa. Esta incluiría a determinación de nitróxeno (N); de macronutrientes: fósforo (P), potasio (K), calcio (Ca) e magnesio (Mg); e de micronutrientes: ferro (Fe), manganeso (Mn), cobre (Cu), zinc (Zn) e boro (B).

Os procedementos analíticos básicos que  se levan a cabo no material vexetal comprenden a determinación do nitróxeno polo método Kjeldhal. Para determinar o resto dos elementos nutritivos lévase a cabo unha mineralización seca en forno mufla a 480 ºC; analízase a concentración de fósforo por colorimetría do complexo fosfomolíbdico e dos restantes elementos (K, Ca, Mg, Fe, Mn, Cu e Zn) por espectrofotometría de absorción atómica. O boro determínase mediante colorimetría con azometina H e logo cuantifícase en espectrofotómetro de UV-visible.

SE NECESITA REALIZAR ALGUNHA CONSULTA pode facelo a través de:

 

SE PRECISA VISITARNOS, aconsellámoslle que pida cita previa para minimizar o tempo de espera no noso centro.