A estación > Novas > noticia-detalle

Quinta reunión técnica de coordinación e seguimento do proxecto europeo Interreg Atlantic Area Agritox

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (Deputación de Pontevedra) organizou e participou na quinta reunión do Comité Técnico de Coordinación e Seguimento do proxecto europeo Interreg Atlantic Area Agritox, que tivo lugar o martes 7 de xuño de 2022 no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra

07 de xuño del 2022

O día 7 de xuño de 2022, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, tivo lugar na sesión da mañá a quinta reunión técnica de coordinación e seguimento do proxecto europeo Interreg Atlantic Area Agritox "Prevention and mitigation of the mycotoxin contamination of food and feed caused by climate change" ( Prevención e mitigación da contaminación por micotoxinas en alimentos e pensos causada polo cambio climático ).

Asistiron á reunión, de forma presencial e en liña, participantes dos diferentes socios do proxecto:

  • Universidade de Santiago de Compostela (USC). Galicia, España. Coordinador do proxecto
  • Universidade da Raíña de Belfast (QUB, polas súas siglas en inglés). Irlanda do Norte, o Reino Unido.
  • Facultade de Ciencias da Universidade do Porto (FCUP). Norte de Portugal.
  • Organismo de Agricultura e Desenvolvemento Alimentario (TEAGASC). Sur e leste de Irlanda.
  • Laboratorio Cifga, S.A. Galicia, España.
  • Deputación de Pontevedra-Estación Fitopatolóxica Areeiro (DEPO-EFA). Galicia, España.
  • Axencia Nacional para Alimentos, Saúde Ambiental e Laboral e Seguridade (ANSES). A Bretaña, Francia.
  • Cooperativa Agrícola Vila do Conde, CRL (CAVC). Norte de Portugal.

Nesta xornada, cada un dos socios presentou as actividades desenvolvidas e os resultados acadados durante os últimos seis meses desde a reunión anterior, que tivo lugar en Fougères (Francia).

Na xornada da tarde, as persoas asistentes visitaron as instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro, onde se explicaron os traballos que se están a realizar nos diferentes laboratorios do centro.

Agritox visita Areeiro

Ademais, dentro do ámbito do proxecto europeo Agritox, tivo lugar no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra o seminario titulado Control de Micotoxinas en Alimentos e Pensos, organizado polo grupo de traballo de Galicia (Estación Fitopatolóxica Areeiro-Deputación de Pontevedra, Universidade de Santiago de Compostela e Laboratorio Cifga).

O seminario contou con relatoras e relatores de recoñecido prestixio e as persoas asistentes puideron seguilo de forma presencial ou en liña.

Seminario Areeiro

Programa do seminario Control de Micotoxinas en Alimentos e Pensos

De 16 a 16.30 h: control da contaminación por micotoxinas en alimentos e pensos nos postos de control fronteirizos

Relatoras:

  • Esther López . Coordinadora rexional de inspección de Sanidade Animal. Goberno de España. Ministerio de Política Territorial e Función Pública.
  • María Luisa Vinader . Coordinadora rexional de inspección de Sanidade Exterior. Goberno de España. Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

De 16.30 a 17.15 h: o sistema GALIS, unha ferramenta eficiente para o control de micotoxinas no sector da alimentación animal

Relator:

  • Bruno Beade . Director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC) e xerente de Galicia Alimentos Seguros (GALIS).

17.15 h: coloquio

18 h: peche da xornada