Publicador de contidos
Reunión preliminar sobre a mortalidade dos ameneiros causada polo oomicete "Phytophthora alni"
As técnicas e técnicos da EFA-Depo participan na reunión técnica por videoconferencia organizada pola Subdirección Xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación (Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación) do Ministerio de Transición Ecolóxica para tratar o tema da mortalidade dos ameneiros causada polo oomicete Phytophthora alni

Desde hai uns anos os ameneiros dos diferentes ecosistemas fluviais europeos están ameazados por unha agresiva enfermidade causada polo oomicete Phytophthora alni (P. x alni, P. uniformis e P. x multiformis). En diferentes puntos da península ibérica, entre eles Galicia, observáronse decaementos e mortes dispersas de arboredo ocasionadas por este patóxeno, que foi detectado por vez primeira en España pola EFA no ano 2010. A EFA ten unha ampla experiencia no diagnóstico destes oomicetes, que se recolle nas seguintes publicacións: (http://dx.doi.org/10.1094/PDIS-94-2-0273A, https://doi.org/10.1094/PDIS-10-11-0891-PDN, https://doi.org/10.1094/PDIS-08-16-1092-PDN).
Ante a importancia que están tomando a morte masiva de ameneiros na península ibérica, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación (DGBBeD), organizou por videoconferencia unha reunión para tratar de abordar o problema con diferentes organismos e investigadoras e investigadores que traballaran nos últimos anos neste problema, entre eles a EFA, que realiza na actualidade as analíticas dos ameneiros para a Confederación Miño-Sil.
Cada grupo expuxo a situación e os resultados dos traballos realizados durante os últimos anos en relación coa detección do fungo causante deste grave problema e a avaliación da tolerancia de distintos xenotipos e posibilidades para establecer accións de mellora e conservación de recursos xenéticos, co fin de que nun futuro se poidan abordar estudos conxuntos por parte da Secretaría Xeral de Política Forestal e Loita contra a Desertificación en coordinación ou en colaboración co resto de organismos, entre eles a EFA.