INFORMACIÓN e RECOMENDACIÓNS FITOSANITARIAS

Despois de levar chovido na nosa provincia, ata o día de hoxe, 32 días en xeral (algo interrompidos nalgunha zona por un par de días), e de ter precipitacións rexistradas nese período de ata máis de 700 l/m2 en Fornelos de Montes, de 600 en Cuntis ou Forcarei, ou de 300 en outras estacións (datos de Meteogalicia), probablemente moitos xa saberán que para a semana as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas anuncian tempo seco, que durará cando menos ata o sábado 7 ou o martes 11 de decembro.

Iso si, tamén apuntan a unha baixada importante nas temperaturas, sobre todo nas mínimas, e por iso haberá operacións que non será conveniente realizar neste período. Falamos das aplicacións de tratamentos con produtos de cobre, que non deben facerse con temperaturas do aire frías, por debaixo dos 8 ºC. Pero tamén sabemos que o uso de produtos fitosanitarios non debe ser o único medio para procurar un bo estado sanitario dos cultivos senón que debe combinarse con outros (culturais, físicos, etc.) dentro da estratexia global de control integrado.

VIÑA, FROITEIRAS E PRANTAS LEÑOSAS EN XERAL

Podas

Dada a época do ano na que estamos algunhas persoas xa terán iniciado ou feito podas nos seus cultivos. Desde o punto de vista fitosanitario, e tendo en conta que os cortes son vías de entrada dos fungos patóxenos da madeira,  aquelas que non as fixeran aínda  deberían esperar a que haxa un período máis longo de tempo seco: as condicións de elevada humidade que teremos ata pasados un mínimo de 4 ou 5 días despois de que cesen estas precipitacións, serán favorables ás esporas destes fungos e polo tanto ás posibles infeccións.

No caso de ter que facer podas obrigatoriamente por razóns de dispoñibilidade de tempo, as plantas enfermas que tiveran marcado no verán por ter observado síntomas daquelas patoloxías deben deixarse para o final. Ademais, procuren non facer cortes de elevadas dimensións, nunca realizalos en horizontal e si o máis verticais posible, facelos sempre limpamente e sen rachos, e desinfectar as tesoiras cando menos entre planta e planta.

Para a protección das feridas de poda en xeral, no Registro de Productos Fitosanitarios do Ministerio están autorizados dous produtos: copolímero etilenovinílico 69%, para cítricos e froiteiras folla caduca, e piraclostrobin 0,5% + boscalida 1% para viña. Ademais, na actualidade tamén hai produtos naturais, concretamente a base de Trichoderma spp, fungos antagonistas de diferentes fungos parasitos, que se poden empregar para defender ou protexer as plantas fronte a estes fungos prexudiciais. No Registro de Productos Fitosanitarios están autorizados Trichoderma atroviride (cepa SC1) e Trichoderma atroviride (cepa I-1237), que deben ser aplicados nun prazo máximo de 2 semanas despois da poda.

Por último, a madeira resultante das podas debe ser eliminada, e nunca deixala amoreada na parcela.

Sintomas de cancro en póla de maceiraLos restos de poda deben eliminarse para evitar problemas fitosanitariosOs restos das podas deben eliminarse e non deixalos nas fincas

 

Outras recomendacións relacionadas coa sanidade dos cultivos

Eliminar canto antes plantas mortas por enfermidade madeira

Tamén neste outono de choivas repetidas é conveniente arrancar as plantas secas (e retiralas das fincas e destruílas), e tamén segar a herba e evitar as acumulacións de auga na contorna do colo das plantas e na zona de influencia das raíces para limitar condicións favorables ao desenvolvemento de fungos patóxenos das raíces como Phytophthora spp. ou Armillaria spp. Para protexer as plantas fronte a estes parasitos tamén hai organismos de control biolóxico que se poden aplicar por pulverización ao solo como son Trichoderma asperellum (cepa ICC012) + Trichoderma gamsii (cepa ICC080) ou Trichoderma harzianum rifai (cepa T-22).

 

BUXO

Calonectria pseudonaviculata (Cylindrocladium buxicola)

Algunhas sebes da provincia amosan desde hai unhas semanas as típicas manchas escuras nas follas, a aparición de liñas negras ao longo dos bordes cuadrangulares das ramiñas, e as subseguintes defoliacións producidas por este fungo. En repetidas ocasións xa referimos que no control deste fungo son fundamentais as prácticas culturais de eliminación continua das follas secas caídas tanto nas plantas como no solo (debe retirarse tamén a capa superficial do solo) ou a procura de condicións o máis ventiladas posible para as plantas. Estas prácticas poden facerse en momentos de claros entre períodos de choiva, e non telas feito nestes días provoca a situación actual dalgunhas sebes. 

Cylindrocladium buxicola - Síntomas característicosLiñas negras nos ramiños de buxo a consecuencia do fungoAs follas secas deben eliminarse continuamenteVista parcial de buxo afectado

 

Debido a que para a semana próxima o tempo previsto é seco, hai que aproveitar para aplicar un tratamento, e antes de facelo haberá que proceder novamente á retirada dese material seco. En España segue sen haber funxicidas rexistrados para este uso, pero noutros países están autorizados xa os funxicidas kresoxim-metil, tetraconazol, metil tiofanato, difenoconazol ou  azoxystrobin.

PIÑEIRO

Procesionaria

De momento as temperaturas teñen sido suaves en xeral pero aínda así xa empezamos a topar os niños brancos que as eirugas desta praga forman para protexerse do frío invernal. Lembren que estes niños pódense formar non só en piñeiro senón tamén nos cedros que poidan ter nos xardíns. Polo tanto, e mentres hai poucos, poden eliminalos cortándoos CON TODAS AS PRECAUCIÓNS POSIBLES (lembren que posúen pelos urticantes, que nos poden afectar, mesmo seriamente, a nós ou aos cans), E DESTRUÍLOS INMEDIATAMENTE para evitar problemas futuros. Se os niños están a elevada altura na árbore é conveniente aplicar un insecticida a elevada presión.

Bolson de procesionaria nestes momentosamen hai bolsons de procesionaria nos cedros