Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 30 ABRIL 2021

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: F - G [53-55 da codificación BBCH]

Mildio

Desde a emisión do anterior aviso fitosanitario estamos a ter un tempo cambiante, tipicamente primaveral, no que se rexistran desde tronadas acompañadas de temperaturas elevadas (sobre todo a fin de semana, cando chegaron a caer cerca de 40 l/m2 nas estacións de MeteoGalicia de Areas ou Torrequintáns) ata o tempo destes últimos días, máis estable pero con rexistros nocturnos moi baixos para a época e algún chuvasco forte illado. Na visita que realizamos a diferentes viñas entre o luns 26 e onte día 29 non atopamos de momento apenas cambio algún fronte á situación observada a semana anterior salvo nun predio onde, probablemente debido a unha aplicación deficiente, había un foco de mildio ben aparente. Ben é certo que todos os predios están, en xeral, protexidos por un tratamento, pero nin sequera nas plantas testemuña que non os reciben nas nosas parcelas, nin naquelas abandonadas que tamén imos observando nos noso percorridos, hai síntomas. Tamén nos captadores de esporas que temos instalados desde primeiros de mes na nosa viña de Areeiro e nunha do concello de Ribadumia dentro do proxecto VITICAST, capturamos apenas esporas ata o día 26 (como se ve na gráfica, a máxima concentración foi o sábado, con 24,84 esporas/m3 de aire).

grafica parcela ribadumia

Con todo, os modelos matemáticos de previsión que manexamos indican un alto risco de infección e tamén sabemos que as condicións favorables que houbo poderán xerar novos síntomas nos próximos días, aínda que ben é certo que, a curto prazo, as previsións meteorolóxicas son de temperaturas nocturnas baixas, na contorna de 5-6 ºC, polo que a probabilidade de esporulación é mínima.

Deste xeito, reiteramos a recomendación da semana anterior: é fundamental revisar as viñas para ver si se detectan novas manchas ou síntomas no acio en formación, sobre todo se xa está próximo a finalizar o período de protección teórico da intervención anterior, en cuxo caso haberá que renovar o tratamento empregando un produto que conteña unha materia activa con efecto curativo.

Mancha mildio curando con necrose interiorEnves de mancha curandoRevisar ben a viña evitará focos de mildio

Black rot

Informáronnos da aparición de manchas de black rot en diversas viñas do Salnés. Nas visitas que fixemos nós, unicamente detectamos a enfermidade nunhas cepas abandonadas de Corzáns na comarca do Condado  (onde mesmo xa afectaba a acios e máis aos pampos) e tamén algún que outro síntoma illado na viña contigua. Non hai funxicidas específicos unicamente fronte a este patóxeno pero se realizan unha intervención anti-mildio, empreguen un funxicida que tamén teña efecto fronte ao black rot dado o difícil control do fungo responsable desta enfermidade se non se controla ben nas primeiras intervencións.

Síntomas de black rot en viña abandonada CondadoBlack rot en folla

Outros parasitos da viña

A presenza de caracois nas viñas, ao igual que noutros cultivos e especialmente na horta, segue incrementándose. Tamén empezan a manifestarse síntomas de alteracións de madeira nalgunha viña.

Dano por gasterópodo en folla de viña (caracois, lesmas, etc)Brazo con sintomas de enfermedad de madera que conviene eliminar

MACEIRA

Varios parasitos

Nas plantas que puidemos revisar esta semana atopamos algúns gromos con oídio, os primeiros síntomas de moteado e tamén algunha colonia de pulgón cincento e verde. En todos os casos tratábase de síntomas pouco importantes.

Micelio de moteado en folla maceiraColonia pulgón cincento maceira

CÍTRICOS

Insectos chupadores

As temperaturas que estamos a ter non son especialmente favorables á brotación, pero nos gromos que hai atopamos especialmente pulgóns e moscas brancas, e apenas psila africana.

Nos gromos de cítricos hay moita mosca branca e pulgón

BUXO

Cydalima perspectalis

Nas sebes que revisamos en diferentes zonas apenas observamos xa eirugas e de feito están a aparecer numerosos gromos novos. Aínda con estes datos, pode ser que noutras sebes/plantas o ciclo vaia máis retrasado, polo que segue a ser conveniente continuar as revisións por se fora precisa unha nova aplicación.

Quedan aínda eirugas cydalimaClimatoloxia actual non favorece Cydalima