INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 XUÑO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: J - (K) [73 - (75) da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Como é sabido, as condicións meteorolóxicas de toda esta semana seguiron moi favorables ao fungo, pois practicamente todos os días houbo temperaturas nocturnas que superaron (nalgúns casos amplamente) os 11-12ºC, xunto con humidade foliar, néboas locais e/ou precipitación durante máis de 8 horas na maioría das estacións das grandes comarcas vitícolas. Estes rexistros implican que se deron continuamente as condicións para a esporulación e tamén para as infeccións secundarias, nun mes coma este no que a inestabilidade mantívose de xeito repetitivo. Por este motivo, nas plantas testemuña notouse un serio avance na sintomatoloxía, e mesmo algunhas xa están próximas a perder folla.

20190625_Planta testemuña xa con defoliación próxima20190626_Abundante frutificación en mancha

Das tratadas, a maioría está en bo estado despois da intervención da semana anterior pero naquelas viñas que xa presentaban algún dano, aínda había síntomas non controlados malia terse aplicado tratamentos a finais da semana pasada. Nos casos nos que observamos esta situación recomendamos renovar a protección con produtos a base dunha materia activa con diferente modo de acción.

20190625_Frutificacion en avance en folla con mildio non controlado20190625_Viñas co mildio non controlado seguen con frutificación20190626_Acio de Loureira con mildio

De situacións similares nos informaron outros técnicos e varios viticultores que nos consultaron esta semana e que tendo tamén as viñas recentemente tratadas, nos dicían que seguían aparecéndolles novos acios afectados, o que volve a incidir, como sempre dicimos, no FUNDAMENTAL DE VERIFICAR A EFICACIA DAS INTERVENCIÓNS.

A día de hoxe, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas apuntan á estabilización do tempo que xa se está iniciando, é dicir, sen choiva, con menor humidade relativa e ventos de dirección dominante norte, polo menos ata o xoves día 4 segundo algúns modelos ou sábado 6 segundo outros. De cumprirse o previsto, o risco de infeccións será menor, sobre todo naquelas zonas nas que se poidan dar temperaturas máximas superiores a 30ºC durante varias horas. Porén, tamén as temperaturas mínimas seguirán a ser elevadas, por riba dos 15 ºC a maioría de noites, polo que haberá que estar moi pendentes da humidade foliar nocturna: de producirse, a vixilancia deberá ser máxima, en especial nas viñas con síntomas non controlados.

Oídio

Se no boletín anterior falabamos de que observaramos moi puntualmente novos síntomas do patóxeno en sendas viñas do Morrazo, na revisión desta semana unicamente apareceron nunha viña do Salnés onde o mildio seguía activo, pero neste caso afectando xa a algúns acios (e polo tanto recomendamos renovar a protección). Nos demais viñedos que visitamos non atopamos síntomas. Sabemos que estamos nun momento no que soe haber néboas locais, e vimos dun período con elevada humidade, co que o nivel de alerta debe ser elevado porque o oídio é un patóxeno cuxas infeccións son tremendamente difíciles de frear unha vez establecidas.

Síntomas de oídio en viña con mal control mildio20190625_Danos e síntomas de mildio e oídio en acio

Para axudar ao control dos patóxenos da viña hai que favorecer a aireación e a iluminación a nivel dos acios. Para iso están as podas en verde, as rozas (aínda quedan viñas con mala xestión do entorno) e as esfollas, QUE NESTES MOMENTOS TEÑEN QUE SER LIXEIRAS, e sabemos que non sempre se fan así

Nestas condicións a parra non pode estar ben ventiladaA alta vexetación do solo dificulta aireación viñas

Botrite

Este rajado fisiológico es una herida por la que puede entrar botritis

O ambiente húmido que se rexistrou estes días non deu lugar á aparición de síntomas da enfermidade debido a que en xeral a uva está libre de feridas, o que non favorece a instalación do fungo.

Black rot

Nesta semana vimos os primeiros acios afectados nunhas viñas non cultivadas (abandonadas) da comarca do Condado, onde tamén o número de manchas por folla era maior ao observado a semana anterior. Pola súa parte, nas viñas sometidas a tratamentos non observamos cambio algún.

Síntomas de black rot en acio planta sen cultivarManchas de black rot en viña sen cultivar

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Seguimos tendo capturas puntuais de machos de Lobesia botrana nalgunhas das trampas, e ausencia de capturas noutras. Tamén o número de  glomérulos que atopamos se mantén en niveis baixos.

Eiruga de Lobesia saindo de glomérulo 7,5x20190612_Glomerulo da couza

Mosquito verde e outros cicadélidos

Os niveis de capturas nas trampas mantéñense baixos, apenas 20-30 adultos por trampa. Pola súa banda, nos controis realizados ás follas, só aparecen puntualmente estados ninfais.

As poboacións destes insectos dependen de diversos factores e poden ser variables mesmo entre parcelas da mesma comarca. Por iso é aconsellable a instalación das trampas amarelas como método de seguimento, e nunca realizar tratamentos insecticidas indiscriminados para non alterar a fauna beneficiosa dos viñedos

20190626_Moi poucas capturas cicadelidos en trampasNinfa de Emposaca vitis en envés de la hoja

Ácaros

Nesta semana non atopamos novos síntomas de acariose. Como dicimos todos os anos, en todos os casos deben ser confirmados (e as súas poboacións cuantificadas para comprobar se alcanzan o limiar de tolerancia) co fin de evitar tratamentos innecesarios que poidan prexudicar á fauna auxiliar. Canto á erinose, mantívose en niveis similares aos da semana anterior.

20190618_Sintomas confirmados acariose no Morrazo20190613_Acaros da acariose vistos a lupa 50x20190619 Nalgunha viña de albariño hai erinose nos gromos mais novos

Outros

En dúas viñas da comarca do Salnés atopamos unhas plantas con picaduras de alimentación en forma de pequenos puntos marróns nas follas que sospeitamos que serían debidas a tisanópteros (trips), que nas nosas áreas vitícolas non adoitan ser frecuentes. Confirmamos no laboratorio á lupa e efectivamente había algunha ninfa. Seguiremos a evolución das poboacións.

Debe confirmarse causa cando hai picaduras alimentaciónSintoma non especifico de trips e o crecemento achaparradoNinfas de Drepanothrips reuteri

MACEIRA

Moteado

O mantemento de condicións húmidas esta semana provocou a aparición de novos síntomas, tanto en folla como en froito, moi especialmente nas variedades máis sensibles. Requírese un máximo nivel de atención, porque xa hai froitos con danos (o mesmo sucede nas pereiras).

Manchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza20190625_Sintoma e dano de moteado en peras

Pulgóns

Mantemos neste sentido o dito a semana anterior: apenas cambios no número de gromos afectados polos pulgóns.

20190529_Sintomas de pulgón cincento en maceiraEnrollado de hojas por pulgón verde

Couza da mazá (Cydia pomonella)

O tempo desta semana non foi en xeral favorable a esta praga. Porén, as condicións climáticas previstas son máis favorables ao seu desenvolvemento, polo que de non facer un seguimento concreto aconséllase non descoidar as intervencións para evitar danos ás mazás, a partir dos que tamén poden producirse danos por fungos secundarios.

Claro indicio de Cydia pomonella entre duas mazasMazas con podres a partir de dano couza

Ácaros

Nesta semana non observamos cambios nas fincas onde a semana anterior atoparamos os primeiros síntomas, pero tampouco as condicións ambientais lles foron favorables. Non obstante, sabemos que as previsións anuncian o tempo máis seco que xa temos desde onte á tarde-noite, polo que a partir de agora haberá que incrementar a vixilancia.

Colonia con ovos e formas móbiles de araña vermella08ago18_Sintoma araña vermella maceira

Outros

A humidade tan alta desta semana provocou a aparición de fungos de podremia tanto na froita con feridas aínda prendida nas árbores coma na do solo. É conveniente retirar estes froitos para evitar o incremento dos danos, así como as postas das moscas da froita.

Un froito con Monilia non retirado estende podremia a outrosManzanas en el entorno de un manzano en fase de pudrición

MARMELEIRO

Entomosporium maculatum

O continuado do tempo húmido deste mes, incluíndo o da semana que está a rematar, leva a que cada vez sexan máis visibles os síntomas nas árbores atacadas, e que mesmo se estea a producir xa certa defoliación. Polo tanto, onde se estea a producir este fenómeno é conveniente realizar un tratamento, porque aínda os marmelos están en fase de formación.

20190627_As choivas favoreceron Entomosporium marmeleiroUnión das manchas vai provocar defoliación no marmeleiro

CÍTRICOS

Trioza erytreae (psila africana) e pulgóns

Nos gromos máis tenros obsérvanse ovos e ninfas deste insecto (os ovos poden detectarse con certa atención: son de cor amarelo-laranxa e soen situarse nas marxes e no nervio central das follas). Cortar e eliminar estes brotes con postas (non en planta nova) é unha boa medida para reducir a incidencia da psila africana e á vez dos pulgóns que tamén poda haber.

20190624_Ovos de psila africana en gromo tenro limoeiroOvos de Trioza en gromo de limoeiro

PATACA

Mildio

Nas parcelas que nós controlamos non hai síntomas de mildio pero despois do período húmido que levamos evaporarase a auga do solo e poderá xerar condicións favorables ao desenvolvemento do fungo. Non descoiden a vixilancia nas plantas que non se estean recollendo xa para o seu consumo.

Detalle de síntomaEsporulacion de mildiu en hoja de patata

BUXO

Cydalima perspectalis

As condicións climáticas desta semana non foron propicias a este lepidóptero, e polo tanto apenas atopamos moi esporadicamente algunha que outra eiruga moi pequena nalgunhas sebes. Porén, o incremento de temperaturas diúrnas e o tempo máis seco que se prevé van serlle favorables, polo que o nivel de vixilancia das plantas debe ser máximo.

20190612_Posta de Cydalima eclosionada casi totalmente_10x20190619_Eiruga xoven de Cydalima