INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12 XULLO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K - L [75-77/79 da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Na revisión desta semana ás parcelas de seguimento propias e ás outras viñas nas que nos detemos nos nosos percorridos, non atopamos síntomas recentes de mildio, nin sequera naquelas da nosa rede que levan máis de 3 semanas sen recibir tratamento algún nin tampouco naqueles brotes que están mesturados ca vexetación acompañante por un descoido nas labores de roza.

20190710_Follas sen mildio en parcela sen tratar mais de tres semanas20190709_Ausencia de mildio en follas tenras mesturadas con vexetación do solo

Pola contra, nalgunhas plantas testemuña, nas abandonadas independentemente da variedade que as compoña, e nas cultivadas con infeccións non controladas de mildio ao inicio, si vimos novas manchas en folla e algúns acios con mildio larvado, pero tampouco de xeito alarmante.

20190710_Manchas en gromos de viña con problemas mildio20190709_Manchas novas en planta abandonada20190710_Mildio larvado en acio viña con problemas mildio

Para as vindeiras xornadas, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian unha baixada das temperaturas máximas a valores por debaixo de 30ºC, o mantemento dos valores nocturnos relativamente elevados e en xeral tempo tormentoso para o sábado 13, cando parece que vai haber certa precipitación (algunhas axencias mesmo dan xa para hoxe á noite). Despois destes días de temperaturas por riba de 30ºC durante horas, con máximas de ata 36.97 onte xoves en Meder (Salvaterra), con estas previsións tampouco se esperan novas infeccións (ou cando menos non deberan ser graves) porque os esporanxios do fungo terán perdido vitalidade e capacidade xerminativa. En todo caso, aínda hai que manter a vixilancia porque a uva segue a ser sensible ao fungo.

Oídio

20190710_Oidio puntual en acio

Como vimos alertando desde hai unhas semanas, a uva é moi sensible a esta enfermidade no estado fenolóxico actual, e tamén as condicións climáticas das últimas semanas foron favorables ao desenvolvemento do fungo. Con todo, a situación xeral que observamos esta semana nas plantas tratadas é bastante estable, con ausencia de síntomas ou só síntomas puntuais nalgunhas viñas sensibles.

Pola contra, nas viñas nas que non hai un bo control do mildio, e tamén nas plantas testemuña, os acios están fortemente afectados, e algúns xa empezan a rachar a consecuencia do ataque.

20190710_Acios con mildio mal controlado e oidio20190710_Uva rachada por mal control oidio20190710_Vista parcial de acios forte ataque oidio
20180821_Oidio en rebusco

O tempo previsto para os próximos días continuará a ser bastante favorable ao fungo, o que requirirá un seguimento moi intensivo das viñas, especialmente daquelas onde non se lograra frear infeccións anteriores. Nestas viñas haberá que renovar o tratamento con funxicidas de acción preventiva e curativa se é preciso. Ademais, naquelas situacións onde haxa abundancia de gromos "netos" que estean cheos de acios rebuscos, é aconsellable eliminalos, pois son moi sensibles e polo tanto unha fonte permanente de infección.

Botrite

Salvo onde haxa grans con rachos fisiolóxicos, por rozas ou por oídio, ou onde apareceran algunhas penetracións larvarias (ver couzas), a uva está sa, fundamental para limitar posibles infeccións por este patóxeno. Ademais, tampouco as condicións climáticas lle son favorables, e non se prevén precipitacións máis que para mañá sábado 13 (ou xa para hoxe venres á noite), polo que o risco será feble. Con todo, e como dixemos no boletín anterior, nas viñas con presenza dominante de variedades sensibles e con historial de danos polo patóxeno, pódese aplicar un tratamento preventivo antes do peche xeneralizado dos acios.

20190702_Racho en gran albariño20190703_Feridas deste tipo son via entrada podre

Black rot

Unha semana máis temos que falar de situación estable nas viñas tratadas, aínda tendo preto plantas abandonadas con síntomas, onde os danos aumentan de semana en semana.

20190709_Black rot acios plantas abandonadas CondadoNo black rot e normal acios con diferente ataque nos grans

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

20190710_Posta de Lobesia

As capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas que temos instaladas permanecen en niveis moi baixos, desde ningún macho ata 1-2 exemplares (e esta é a situación que levamos tendo ao longo da campaña). Porén, esta semana xa vimos postas, moi puntuais, nalgunha parcela de todas as comarcas. En todo caso, a calor destes días e a insolación non lle son favorables, xa que son moi sensibles á desecación e é posible que sexan inviables.

Por outra banda, na viña do Salnés onde a semana anterior observaramos as primeiras postas, nesta semana vimos as primeiras dúas penetracións larvarias. Na mesma viña as capturas nas trampas pasaron de 22 a 1 macho, co que se ten producido un pequeno pico na curva de voo e polo tanto sería o momento idóneo para aplicar un tratamento no caso de haber ovos e penetracións en niveis por riba do limiar de tratamento. Dáse a circunstancia de que na mesma parcela houbo un incremento moi notorio das poboacións de trips, aparecendo xa síntomas nos acios, co que recomendamos un tratamento, que se vai aplicar cun insecticida que tamén estea recomendado para as couzas pero que vai preferiblemente dirixido a estes outros parasitos. En consecuencia, en xeral non é necesario tratar pero se puntualmente se ven perforacións nun número superior ao limiar de tolerancia, convirá aplicar un tratamento.

20190710_Primeiras penetracions LobesiaBuraco de penetración e indicios de perforación couzaA polpa dos grans con couza degradase e escurece

Mosquito verde e outros cicadélidos

20190702_Aumentou Zygina en viña Salnes

Nesta semana non observamos variación no número de  cicadélidos capturados nas trampas que temos instaladas, tampouco na viña do Salnés ou na do Rosal na que si se incrementaran a semana pasada. Tampouco aumentou a presenza de ninfas no reconto de 100 follas ao azar. Aparece en todos os casos Empoasca vitis, pero a grande maioría de exemplares son da especie non nociva Zygina rhamni.

Ácaros

Do mesmo xeito que no caso dos  cicadélidos, nesta semana non notamos variación nos síntomas de acariose observados na semana anterior na viña abandonada de Bueu. O que si vemos é cada vez máis sintomatoloxía de erinose, que non é preciso tratar.

20190703_Erinose en Albariño20190703_Erinose en Loureira

Outros

Nesta semana, e como xa apuntamos no apartado das couzas, tivemos un aumento moi notorio das poboacións de tisanópteros (trips) nunha parcela do Salnés, onde os gromos xa tiñan síntomas evidentes e empezaban a aparecer tamén nos acios, polo que recomendamos un tratamento.

Síntoma non especifico de trips e o crecemento achaparradoSíntomas en uvaAdulto de Drepanothirps reuteri en hoja de viña

MACEIRA

Moteado

O risco de infección despois destes días de tanta calor e menor humidade é baixo, aínda que haberá que estar pendente das precipitacións que se produzan hoxe á noite ou mañán por se mantiveran a vexetación mollada durante tempo.

Manchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Ácaros

En diferentes plantas empezan a aparecer máis síntomas destes animais, pois se ven favorecidos pola climatoloxía cálida. Se detectan os síntomas típicos (cor bronce-chumbo das follas) e, con certa agudeza visual, ven pequenos puntiños móbiles que son os ácaros (mellor sería confirmalo cunha lupa), deben tratar.

08ago18_Sintoma araña vermella maceiraDetalle de la coloración típica del ataque de araña roja

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana observamos situacións diferentes segundo as sebes pero en todas as que controlamos hai xa postas e eirugas. A diferenza está no tamaño das eirugas e na presenza de síntomas. Canto ás eirugas, hainas desde moi pequenas e aínda amarelas e difíciles de ver, ata eirugas de estados moi avanzados. Canto aos síntomas, nalgunhas sebes e plantas apenas se observan (son tremendamente complexos de ver) mentres noutras xa son ben notorios e se incrementan día tras día. É polo tanto imprescindible facer unha boa revisión das sebes porque nos próximos días vai ser necesario aplicar un tratamento antes de que comecen as defoliacións masivas que sabemos que poden producir estas eirugas.

20190710_Bo crecemento das eirugas Cydalima nunha semana20190712_Hai sintomas pero gotas orballo a primeira hora axudan a velos se non os hai20190712_Eiruga Cydalima fora do niño