INFORMACIÓN FITOSANITARIA 07 XUÑO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: I - J (60/61-69/71 da codificación BBCH)

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

A semana pasada, despois de catro xornadas con temperaturas por riba dos 30ºC, o domingo 2 foi un día moi quente e sufocante con forte humidade relativa (da orde do 80-90% na maioría das estacións meteorolóxicas), que xa se mantivo desde entón. Canto ás temperaturas mínimas, estiveron ao principio sobre 14-17 ºC e desde o martes 4 baixaron, manténdose aínda na contorna dos 12ºC nalgunhas estacións e baixando lixeiramente noutras. Con estas condicións, que fronte ao previsto xa foron favorables ao fungo desde o domingo, na visita realizada entre martes e mércores ás parcelas da nosa rede e a outras que visitamos, observamos manchas vellas con zona de avance e esporulación e, nas fincas máis fortemente afectadas por unha infección anterior, acios co micelio do fungo. Esta situación dábase sobre todo nalgunhas zonas de cada comarca, pola súa situación menos exposta e húmida.

20190604_Algunhas manchas vellas con avance e esporulación20190604_Hai viñas con acios afectados20190604_Acio semiseco con mildio esporulado

Pola contra, tamén nalgunhas parcelas a maioría das manchas antigas estaban secas (ben curadas). O que si coincidía en todas era que, curiosamente, non houbera ningunha mancha nova nos crecementos.

Envés de mancha antiga sen esporular20190604_Pese as condicións favorables, novos gromos están limpos20190607_Gromos novos sans pese a choivas e vexetación

As condicións que se deron desde domingo foron tan favorables que mesmo o aspecto das plantas testemuña empeorou sensiblemente desde a semana anterior, e tamén ata viñas abandonadas  en muros na contorna dalgunha das parcelas (incluso de variedades híbridas menos sensibles) presentaban manchas.

20190604_Vista parcial de planta testemuña20190605_Planta nun muro con mildio black rot e depósitos de tratamento

A día de hoxe, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian que a tendencia é cara unha melloría progresiva do tempo, aínda que algúns modelos prevén choiva en diferentes días entre domingo e xoves. Canto ás temperaturas, as máximas irán recuperándose e as mínimas manteranse só relativamente baixas pero con oscilacións, co que poden ser compatibles cas infeccións secundarias. Moitos viticultores sabemos que xa aproveitaron para tratar entre martes e mércores, pero nos próximos días deben comprobar o estado das fincas e verificar que o tratamento foi eficaz. Aqueles que non o teñan feito, deben renovar os tratamentos o antes posible usando funxicidas de acción preventiva e curativa.

Tamén será fundamental, como sempre dicimos, non descoidar as prácticas culturais de roza da vexetación e tamén os despuntes para eliminar os gromos máis longos que xa sobresaen demasiado, pois despois das precipitacións sufrirán un novo crecemento en canto suban as temperaturas. Lembren que estas labores de cultivo contribúen moito á sanidade das viñas

Oídio

Continuamos sen atopar síntomas, nin sequera nas plantas testemuña, nas variedades sensibles ou nas plantas abandonadas. Nas parcelas tratadas ben é certo que a grande maioría de viticultores xa complementan os tratamentos fronte a mildio cos funxicidas antioídio, e que as condicións climatolóxicas non están sendo especialmente favorables ao fungo.

Micelio oídio confirmado a lupa binocular en folla albariño20190514_Primeiros indicios de oidio en folla albariño

Botrite

Cando fixemos as nosas visitas ás parcelas aínda non chegara a cicloxénese de onte día 6 e, aínda habendo forte humidade desde domingo, non observamos indicios desta patoloxía. Porén, os órganos secos (partes de follas ou acios) afectados polo mildio, ou os capuchóns florais aínda non desprendidos, poden ser o substrato ideal para que se instale o fungo se é que se mantén unha humidade elevada.

Os tecidos necrosados poden atraer a podre en tempo húmidoOs acios con mildio non desprendidos poden atraer a podreVista a lupa de frutificacion botrite en folla Albariño

Tamén pensando na protección fronte a este patóxeno é tan importante favorecer a ventilación nas viñas mediante as prácticas culturais, máis despois das choivas

Black rot

Observamos un incremento no número de follas afectadas, e no de manchas por folla, nunha finca do Condado que ten moi próxima unhas plantas abandonadas nun muro (sabemos que as viñas non cultivadas son unha fonte de contaminación). No resto de parcelas non detectamos o mesmo nivel de avance, pero si notamos certo incremento. De momento non atopamos síntomas nos acios, pero hai que incrementar a vixilancia porque están nunha fase moi sensible á enfermidade.

Os síntomas sobre o acio son  murchado de grans, que secan rapidamente (en 3-4 días) adquirindo a pel unha  cor violácea e cubríndose de  corpos fructíferos que teñen a forma de puntiños negros. Pero atención: nun mesmo acio poden coexistir grans con distinto grao de ataque, de maneira que haberá uvas totalmente  momificadas e outras só parcialmente afectadas

Nunha parcela do Condado aumentou o black rotPlanta abandonada con black rot e mildio proxima a parcela tratada

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nas parcelas onde temos trampas instaladas, ou non tivemos capturas ou estas foron moi baixas. A presenza de glomérulos mantívose estable, baixa.

20190604_Niños da couza en acioEiruga de Lobesia saindo de glomérulo 7,5x

Ácaros

Temos que seguir falando de ausencia de síntomas de acariose ou araña vermella nas viñas, e tamén no laboratorio comprobamos a ausencia de formas móbiles nas follas recollidas. Só permanecen síntomas de erinose nalgunhas viñas.

Aumentou presenza erinose nalgunhas viñas

Outros

Como anunciaramos na información fitosanitaria anterior, nalgunhas fincas atopamos plantas que manifestaron nesta semana síntomas de enfermidades da madeira. Se os síntomas afectan a un ou poucos brazos, lembren que despois de que sequen ben as viñas, e tamén en tempo sen probabilidade de precipitación, poden eliminarse (desinfectando a tesoira e aplicando un  funxicida sobre o corte). Por outra banda, tamén os ventos que acompañaron a esta cicloxénese puideron producir roturas de ramas e/ou de só as follas, que haberá que vixiar para ver se hai instalación de podre.

Síntoma de enfermedad de maderaHai plantas con enfermidades de madeira xa neste estado20190529_Os ventos de norte romperon gromos nalgunhas fincas

MACEIRA

Moteado

Apareceron novas manchas a consecuencia da elevada humidade relativa, e tamén as choivas de onte xoves 6, ou as que hai localmente hoxe venres, seguen supoñendo un risco. Polo tanto, é necesario tratar en canto se poida.

20190605_Manchas moteado en parcela PoioAbundantes manchas moteado en folla variedade sensible

Oídio

As fortes precipitacións de onte xoves non foron favorables ao fungo.

Pulgóns

A práctica totalidade das fincas/plantas illadas observadas presenta colonias de  pulgón verde (que sabemos que en xeral non causa danos importantes, salvo enrolamento das follas). Tamén hai, pero menos, colonias de  pulgón cincento (que pode chegar a  deformar os froitos) e algunha planta con pulgón laníxero, que  pode ser moi prexudicial para as plantas, aínda que o  parasitoide Aphelinus mali pode chegar a controlalo adecuadamente. Por iso, nos casos en que exista  parasitismo convén esperar á regulación natural das poboacións.

20190529_Sintomas de pulgón cincento en maceiraEnrollado de hojas por pulgón verdeColonia de pulgón lanixero nunha finca de Poio

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Novamente temos que falar de ausencia de capturas nas nosas trampas e de síntomas nos froitos, pero lembren que a situación pode ser moi diferente noutras fincas, polo que, se non hai trampeo instalado, para reducir os posibles danos habería que manter unha protección constante, e tampouco sería garantía da sanidade total. Por iso sempre insistimos na colocación das trampas como medida para racionalizar e optimizar o control, tratando cando se supera o limiar de tolerancia.

Outros

Despois das precipitacións haberá que esperar que as mazás caídas ao chan das variedades máis temperás e/ou aquelas con danos por sarabia, ventos, paxaros etc. poidan presentar corpos frutíferos de fungos como Monilia ou Botrytis. No caso de que se observen, hai que eliminalas, porque tamén estes froitos poden servir de zona de posta para as moscas da froita, que atacan a diferentes especies.

KIWI

Bacterioses

Nesta primavera estanse a alternar períodos moi húmidos con outros secos e soleados, e as plantas non parecen presentar unha situación homoxénea en canto á floración. Onde xa sexa maioritario o fin deste período convén facer unha intervención con algún dos produtos autorizados polo Ministerio: Bacillus amyloliquefaciens (subesp. plantarum, cepa d747) 25%, hidróxido cúprico 13,6% + oxicloruro de cobre 13,6%,  ou oxicloruro de cobre 37,5% ou 38%.

Sintomas de PSA en hojaExudados caracteristicos de PSA en enves

MARMELEIRO

Entomosporium maculatum (Diplocarpon mespili)

Nas plantas que nós seguimos observamos un incremento notorio dos síntomas causados por este fungo, que como saben pode defoliar as árbores, polo que convén aplicar un tratamento.

20190607_Incrementaronse sintomas EntomosporiumRama de marmeleiro cas follas danadas por Entomosporium

PATACA

Mildio

Como é lóxico, a elevada humidade que levamos sufrindo desde o domingo, obrigará a renovar o antes posible os tratamentos fronte a esta enfermidade, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos utilizados nas plantas temperás próximas á colleita.

Esporulacion mildio patacaDetalle de sintomaBrote terminal de patata necrosado a consecuencia del mildiu

BUXO

Cydalima perspectalis

Do mesmo xeito que a semana anterior, tampouco nesta capturamos ningún macho nas tres trampas de feromona que temos instaladas, pero pola contra observamos un número de postas máis elevado, e tamén cos ovos máis evolucionados, o que obriga a estar moi alertas, en especial se suben as temperaturas  de forma evidente, o que aceleraría o nacemento das primeiras eirugas.

20190605_Posta de CydalimaEste buxo esta abandonado e apenas recuperouEsta planta de buxo estivo moi defoliada en maio

PLÁTANO DE SOMBRA

Antracnose

Debido á climatoloxía desta primavera (choivas e temperaturas suaves en xeral) obsérvanse síntomas desta enfermidade en moitas árbores. Naqueles casos en que a presenza de síntomas do fungo sexa elevada, e sobre todo se son árbores novas que poden ver o seu desenvolvemento comprometido por perder parte da folla, aconséllase aplicar un tratamento.

Hai plátanos de sombra con antracnose