INFORMACIÓN FITOSANITARIA 05 XULLO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (J) - K [(73) - 75 da codificación BBCH]

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Mildio

Mínimas de 15-16 ºC (ou puntualmente ata 17-18), entre 6 ou 10 horas de follas molladas, humidade relativa media por riba do 70 e ata de máis do 90% especialmente nas tres últimas xornadas, néboas locais densas, ausencia de temperaturas por riba dos 30 ºC aínda que si sensación térmica abafante algunhas xornadas... Estas foron, e aínda son, as condicións dominantes destes días, que como vimos dicindo reiteradamente esta tempada son moi favorables tanto ao fungo causante desta enfermidade como ao do oídio. Con todo, a situación xeral que atopamos esta semana nas visitas que fixemos tanto ás nosas parcelas como a aquelas outras que imos topando nos nosos percorridos foi de ausencia de síntomas novos na maioría de viñas, basicamente naquelas nas que se foron controlando ben as diferentes infeccións, e como máximo observamos algunhas manchiñas moi novas nos crecementos non protexidos polos tratamentos debido a un exaxerado desenvolvemento da vexetación.

20190702_Manchas controladas20190702_Mildio controlado en acio20190702_Manchas nacendo en folla tenra finalizando protección tratamento

Porén, nas plantas testemuña e tamén nas viñas que veñen tendo problemas por fallos nalgún tratamento anterior aínda quedaban síntomas mal controlados, manchas e acios con grans coa frutificación do fungo e grans xa con mildio larvado. Ademais, tamén presentaban síntomas novos as viñas que medran en muros nas marxes dalgunhas parcelas ou nas beiras das pistas, independentemente de ser variedades pouco sensibles ao fungo, o que evidencia unha vez máis a climatoloxía favorable.

20190702_Acio con mildio non controlado20190702_Mildio larvado20190702_Face e envés de folla planta abandonada con novas manchas

Esta climatoloxía, e sempre segundo as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, manterase nas próximas  xornadas, onde haberá temperaturas diúrnas suaves, mínimas bastante altas (ata 17 ªC ou máis), nubes e claros, elevada humidade relativa, ventos principalmente do SO-O e probabilidades de choiva (en principio lixeira) entre hoxe venres 5 e o martes 9 segundo o instituto meteorolóxico (soamente unha axencia anuncia anticiclón pleno desde martes). Con estas previsións non podemos máis que insistir unha vez máis en que deben facer unha vixilancia periódica das viñas e non descoidar nunca as labores que axuden a mellorar a aireación nos acios, facendo aplicacións antimildio se aparecen novos síntomas ou se os antigos amosan avance.

Co tamaño das uvas xa en grans tamaño chícharo, a partir de agora poden utilizarse  funxicidas de cobre para as futuras intervencións. Moitos destes funxicidas veñen formulados con materias activas penetrantes, e con iso increméntase o nivel de protección do cobre, que é un  funxicida de contacto

Dentro das labores recomendadas para mellorar a ventilación das viñas están as rozas. Cando se fan, e tamén cando se aplican os tratamentos, non deben esquecer as plantas pequenas, porque unha infección sobre elas pode ser fonte de infección para o resto da viña

20190703_1 Planta pequena que tiña mildio no pampo20190703_2 Mildio no pampo: posible fonte contaminación

Oídio

20190702_Maioria viñas presenta algun gran oidio

Tamén as condicións ambientais destes días foron especialmente favorables a este fungo. Así, nas visitas que fixemos esta semana ás viñas, boa parte delas presentaba algún gran afectado, en especial nas zonas menos accesibles aos tratamentos, pero as plantas testemuña si tiñan a práctica totalidade de acios afectados nunha superficie ampla. Como vimos de indicar no caso do mildio, as previsións meteorolóxicas para as próximas xornadas seguen a ser moi  propicias para o desenvolvemento do fungo e no estado "grans tamaño chícharo" a uva é moi sensible, polo que é un momento idóneo para aplicar un tratamento se non se fan revisións específicas nas viñas (e estas teñen que ser moi estritas nesta época).

Botrite

Non observamos síntomas, nin sequera nos acios das variedades máis sensibles como Treixadura, Loureira e outras. Aínda así, esta semana empezamos a ver rachos fisiolóxicos ou a consecuencia das rozas da vexetación do solo nalgúns acios e polo tanto hai que empezar a prestar máis atención, xa que sabemos que as feridas son unha boa porta de entrada para este patóxeno. Por outra banda, nas viñas máis adiantadas de variedades sensibles e con historial de problemas polo fungo que vaian tendo xa algúns acios achegándose ao peche pódese pensar nunha aplicación preventiva antes de que se xeneralice este estado.

20190702_Racho en gran albariño20190703_Feridas deste tipo son via entrada podre

Black rot

Mentres nas plantas sometidas a tratamentos non observamos cambios e só algunhas presentan síntomas bastante illados na folla, nas plantas abandonadas cerca dunha parcela da comarca do Condado onde apareceran síntomas no acio a semana anterior, a evolución da enfermidade foi bastante significativa, e a sintomatoloxía nos poucos acios que presentan é  xa importante.

20190703_Practicamente todos os grans afectados de black rot20190703_Evolucion importante black rot en viña abandonada Condado

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

20190702_Primeiras postas Lobesia en parcela Salnés

Nunha das nosas viñas do Salnés incrementáronse as capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas (22 machos), mentres nas demais ou non se recolleron (a maioría) ou foron moi reducidas (1-2 machos). Ademais, atopamos nun acio da parcela referida do Salnés as primeiras postas, de momento sen importancia. Como sempre dicimos as capturas nas trampas por si soas non indican se é necesario tratar, senón que a decisión debe tomarse sobre a base da presenza de síntomas nos grans (ovos, orificios de entrada, penetracións  larvarias). Estes síntomas son máis difíciles de observar que os glomérulos da primeira xeración, pero é posible con certa atención.

Mosquito verde e outros cicadélidos

20190702_Aumentou Zygina en viña Salnes

En xeral, segundo as nosas observacións desta semana, as poboacións destes insectos son aínda baixas, tanto no que se refire a capturas nas trampas como nos recontos de ninfas nas follas. Así e todo, especialmente na mesma viña do Salnés onde topamos os primeiros ovos da couza do acio, así coma noutra parcela do Rosal, recollemos máis adultos nas trampas, pero a inmensa maioría eran da especie Zygina rhamni, que non é problemática.

Ácaros

Unicamente atopamos síntomas confirmados de acariose nunha viña abandonada da zona de Bueu (IXP Ribeiras do Morrazo). Pola súa banda, de erinose aumentaron os síntomas  en varias parcelas, de xeito significativo nunha do Rosal. Como saben, a sintomatoloxía de erinose é bastante espectacular, pero non daniña.

20190703_Erinose en Albariño20190703_Erinose en Loureira

Outros

A presenza de síntomas confirmados á lupa de tisanópteros (trips) estendeuse esta semana a outra viña do Salnés e a unha do Condado, aínda que o número de follas afectadas é aínda baixo.

Debe confirmarse causa cando hai picaduras alimentaciónSintoma non especifico de trips e o crecemento achaparradoNinfas de Drepanothrips reuteri

MACEIRA

Moteado

Coas condicións ambientais que temos, novamente hai que falar da aparición de novos síntomas, en folla e en froito, especialmente nas variedades máis sensibles e/ou nas que hai tempo que non se protexen con  funxicidas.

Manchas de moteado en folla maceira20190625_Sintoma e dano de moteado en maza

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nalgunhas trampas volveu superarse o limiar de tolerancia por número de capturas. O ciclo desta praga é continuo ao longo da campaña, e por iso é importante protexer as plantas se non se teñen trampas.

Capturas de machos de Carpocapsa pomonella en una semanaCarpocapsa pomonella - Penetración larvaria en fruto de la variedad golden

Ácaros

Nas revisións desta semana tampouco notamos evolución da praga nas plantas onde detectaramos poboacións, pero a situación pode non ser coincidente ca que se dea noutras fincas, polo que hai que seguir vixiando por si se detectan nas follas cambios a un ton similar ao chumbo. Lembren que non é conveniente tratar a menos que haxa colonias confirmadas, porque na nosa zona hai un bo complexo de inimigos naturais que son moi sensibles á maioría dos acaricidas.

08ago18_Sintoma araña vermella maceiraDetalle de la coloración típica del ataque de araña roja

FROITEIRAS DE ÓSO

Botritis, Monilia

A maioría das ameixeiras, melocotoeiros e similares teñen froita xa en fase avanzada de maduración. Sobre as feridas e rachos que presentan os froitos non é difícil ver, nestas condicións de humidade, estes fungos secundarios. Por iso, a froita afectada debe ser retirada para evitar problemas debidos a estes fungos na próxima campaña.

Daños por pajaros en ciruelaFrutos de ciruela con pudrición a partir de heridas

KIWI E FROITEIRAS (DE ÓSO PRINCIPALMENTE)

Drosophila suzukii

20190703_Alguns machos de Drosophila suzukii capturados nas trampas

Nas trampas que temos instaladas nunha plantación de kiwi e noutra de froiteiras incrementáronse moito esta semana os adultos capturados desta especie polífaga, cuxas larvas aliméntanse das froitas provocando a degradación da polpa e facilitando a súa podremia. Lembren que a colocación de trampas pode reducir o problema que xeran, e que se poden construír facilmente con botellas plásticas de 1,5 ou 2 litros cuns buracos arredor e enchidas con vinagre de mazá. Estas trampas non son selectivas, polo que capturarán máis insectos.

BUXO

Cydalima perspectalis

Na maioría de sebes e plantas que controlamos a situación está máis ou menos estacionaria e aínda non se observan danos (si postas e algunha que outra eiruga dos primeiros dous estados) pero nunha pequena zona dunha sebe xa detectamos os primeiros síntomas evidentes e xa eirugas de tamaño intermedio (dos dous estados seguintes, aínda de cor amarela pero xa con liñas escuras lonxitudinais). Debido a que esta circunstancia non é xeneralizada non recomendamos aínda o tratamento pero si alerta máxima porque sabemos que nuns días os danos por estas eirugas poden multiplicarse, en especial se a meteoroloxía lles é favorable.

20190702_Sintomas dunha eiruga20190705_Tamen empezan a verse os niños das eirugas20190705_Sintomas mais avanzados de Cydalima e eiruga