Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 04 de xuño

Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO

VIÑA

Estado fenolóxico: (H) - I - (J) [(57)-65-(71) da codificación BBCH]

Volvemos referir unha diversidade de estados fenolóxicos non só entre comarcas e viñas, senón tamén dentro da mesma parcela. Con todo, as temperaturas altas destes días provocaron un avance e mesmo xa hai casos esporádicos de viñas coas uvas tamaño perdigón (ou maior en certas variedades).

Mildio

Ao longo desta semana, e non esquezamos tampouco, das semanas anteriores, producíronse varias circunstancias favorables ao patóxeno ao marxe da fenoloxía da viña nestes momentos: déronse temperaturas nocturnas ben elevadas (a práctica totalidade dos días nalgunha comarca, e/ou chegando mesmo a rexistros mínimos algunhas noites por riba de 15 ºC), houbo episodios de néboas relativamente persistentes en moitas zonas, unha humidade relativa elevada na maior parte da xornada e un crecemento moi vigoroso da vexetación, tanto das propias viñas coma da herba acompañante, que provocou maiores retencións de humidade, escasa aireación e falta de protección nos gromos novos. Con esta situación, na visita realizada onte día 3 ás viñas, observamos o maior número de manchas novas de mildio de toda a campaña, en xeral en todas as comarcas, aínda que si é certo que nalgunhas zonas/parcelas a súa presenza era tan elevada que incluso se observaban desde as carreteiras ou pistas polas que nos movemos.

Enves de mancha moi incipienteForte ataque mildio parcelas por mal control herbaAspecto de planta testemuñaMildio plantas abandonadas Meder

Loxicamente tamén atopamos viñas en bo estado, o que non dependeu, como se podería pensar, do número de aplicacións antimildio realizadas nin da data da última delas: sen ir máis lonxe, unha das parcelas da nosa rede de seguimento, na que levamos 3 únicos tratamentos, e que non está protexida desde hai tempo, tiña apenas algunha mancha nos novos crecementos; amais, diferentes persoas nos chamaron para informar da aparición masiva de síntomas aínda malia estar intervindo todas as semanas.

Iso si, coincide en case todas as viñas que os acios están en bo estado, e só observamos fortes danos nunha viña onde a herba chegaba á altura das plantas xa desde hai certo tempo e, loxicamente, nas plantas testemuña que mantemos sen tratar e nas abandonadas (independentemente da variedade). No resto, só esporadicamente vimos algunha afectación no froito.

Mildio acio parcela mal control herbaAcio afectado mildioMildio en acio parcela Salnes

A maioría das viñas sabemos que recibiron un tratamento nestes últimos días, en especial desde sábado (cando entraron as néboas en moitos lugares) e polo tanto aínda non terán cumpridos os 7 días de protección teórica. En consecuencia, cos produtos sistémicos que se empregan en xeral (salvo nas parcelas en ecolóxico) aínda faltan unhas xornadas de cobertura teórica nas que os produtos teñen que facer efecto. Por outra banda, para aos próximos días ningunha das axencias meteorolóxicas consultadas anuncia precipitacións e si ventos secos do norte ou nordés ou ben de dirección variable e sobre todo temperaturas diúrnas altas. Por estes motivos, salvo naqueles predios onde haxa afectación nos acios, a nosa recomendación volve ser unha vixilancia permanente das viñas para determinar se verdadeiramente é precisa unha nova intervención. E insistimos tamén novamente, e mesmo agora xa máis que nunca, en non descoidar as labores culturais que faciliten a ventilación das plantas, incluíndo as podas en verde, naquelas viñas onde a frondosidade das plantas é demasiado elevada.

Excesivo crecemento cara terreo perxudica sanidade viñaImprescindible herba non chegue viña

Oídio

Non observamos síntoma algún pero é certo que estamos nun momento de máxima sensibilidade, polo que convén non baixar a vixilancia.

Primer síntoma de oidio en variedad tinta

Black rot

Nesta semana non observamos avance algún na sintomatoloxía que tiñamos nas nosas parcelas, incluso no gran número de predios novos que observamos esta semana, tampouco había apenas incidencia. Tanto é así, que mesmo nas plantas abandonadas do Condado onde o ataque do patóxeno era ben forte, os síntomas de mildio superaron con creces os deste outro fungo.

Plantas abandonadas Condado_mildio gaña black rot

Outros parasitos da viña

Son máis visibles na actualidade os glomérulos de Lobesia (normalmente non hai que tratar esta primeira xeración, lembren). Tamén apareceron nunha viña as primeiras bugallas en folla de Janetiella, pero carece de importancia.

Incrementouse numero glomerulosPrimeiras bugallas detectadas de Janetiella

BUXO

Cydalima perspectalis

Esta semana capturamos os primeiros adultos na trampa que temos instalada, co que da comezo unha nova xeración pero de momento non é preciso tratar.

Capturamos os primeiros adultos Cydalima